APEHL

A Apehl, xunto a La Fuerza del Norte, rexeita descontar a banda de seis metros desde a beira para calcular o aforamento das praias

25.05.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) xunto a outras cinco Asociacións de hostalería e turismo do Norte de España (de Santiago de Compostela, A Coruña, Cantabria, Bizkaia e Gipuzkoa), agrupadas na plataforma La Fuerza del Norte, manifestan o seu absoluto rexeitamento á decisión de que para o cálculo do aforamento das praias se desconte da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira en pleamar (punto 5 do artigo 46 da Orde 440/2020 publicada este sábado no BOE).

A aplicación literal deste criterio provocaría a imposibilidade do goce dun gran número das praias do litoral de todas as comunidades do norte de España posto que, polo efecto das mareas, a pleamar reduce na maioría das ocasións os areais de moitas delas e fai inviable deixar ese espazo tan amplo. Utilizar como referencia este criterio provocaría que en moitas das praias o aforamento fose igual a cero.

É ademais sorprendente que se adopte este criterio cando no protocolo para a adopción de medidas para a redución do contaxio do coronavirus nas praias españolas, consensuado baixo a coordinación do ICTE e remitido ao Ministerio de Sanidade, desde o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, tívose en consideración unha realidade que calquera coñece perfectamente: que o comportamento das mareas nas praias do mar Mediterráneo é completamente diferente ás do Atlántico e, especialmente, ás do mar Cantábrico, e por iso se establece que o ente xestor debe estimar a capacidade da praia tendo en conta polo menos as características da mesma (por exemplo mareas) e o uso dos seus espazos (concesións).

Tamén se determina que quen debe definir o aforamento ou capacidade da praia son os Concellos, sempre tendo en conta as características especiais de cada unha delas.

Establecer como criterio igual para todas as praias españolas descontar unha franxa de seis metros a contar desde a beira en pleamar para determinar a superficie, supón un agravio comparativo inasumible para as praias do Atlántico e o Cantábrico, en relación coas do Mediterráneo e condena a moitas das praias do norte de España á súa imposibilidade de goce durante este verán.

Por iso, desde Apehl e La Fuerza del Norte solicitamos ao Goberno de España unha revisión inmediata desta Orde 440/2020, substituíndo os criterios adoptados polos contidos no documento elaborado polo ICTE e consensuado con todas as Comunidades Autónomas, a FEMP e os sindicatos UXT e CCOO.

Igualmente, solicitamos aos Concellos costeiros de todas as nosas Comunidades Autónomas que se sumen a esta reivindicación e que inicien un diagnóstico da situación para que, de forma inmediata, deseñen os plans de continxencia de cada praia para que poidan ser utilizadas tanto por residentes como por turistas o máis axiña posible e cumprindo as recomendacións para o seu uso contidas no documento elaborado polo ICTE.