APEHL

A Apehl lanza en Fitur un novo volume da guía turístico-gastronómica ...E para comer, Lugo

  • A Feira Internacional de Turismo de Madrid foi o escenario elixido unha vez máis pola Apehl para a presentación dunha nova guía da colección …E Para Comer, Lugo, unha das iniciativas clave da Asociación para a promoción da provincia no seu conxunto como destino turístico e gastronómico.

19.01.2022. O acto tivo lugar no stand de Galicia en Fitur, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.                               

Co título Lugo, cruce de caminos, o volume presentado por Real é xa o décimo cuarto da colección de guías turísticas …E para comer, Lugo e este ano, coincidindo co Xacobeo 21-22, viaxa polas diferentes etapas das catro rutas xacobeas oficiais que atravesan a provincia e outras rutas alternativas que permiten coñecer os lugares con máis encanto de Lugo, a natureza, o patrimonio, a cultura e a gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses.

O libro conta con 120 páxinas que se distribúen en catro apartados. No primeiro deles faise este percorrido polos 67 concellos lucenses a través dos Camiños de Santiago que atravesan a provincia. Os outros tres capítulos son seccións habituais, como os resultados dos concursos de tapas levados adiante pola Asociación en Lugo e Monforte de Lemos, o álbum dedicado á presenza da Apehl na Vuelta Ciclista a España e o directorio no que se poden atopar todos os establecementos asociados da provincia de Lugo. Tamén conta cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.

Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España.

Ademais seguirá contando coa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es.

O presidente da Asociación, tras facer fincapé na importancia de seguir promovendo a provincia de maneira conxunta, afirmou que “esta era unha cita especial porque se presentaba por fin unha nova edición desta guía tras dous anos nos que o sector da hostalería e o turismo se viu prexudicado como nunca”.

Real destacou tamén “o esforzo inmenso realizado polo sector para adaptarse e cumprir coas normativas en cada fase desta pandemia e a implicación das administracións, tanto autonómica como provincial e local, en forma de axudas”.

En ton positivo e esperanzador, Cheché Real subliñou que “é hora de convivir con este virus, de gañarlle a batalla e estou seguro de que cada vez iremos modificando máis as restricións para chegar de novo á ansiada normalidade. Un dos pasos para sentila máis cerca é, precisamente, volver a presentar un volume novo desta colección de guías aquí en Fitur”.

Ademais tamén estiveron presentes autoridades dos ámbitos local e rexional, tales como a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a diputada autonómica, Elena Candia; a parlamentaria do Grupo Popular, Cristina Sanz; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o alcalde de Foz, Fran Cajoto; o alcalde de Alfoz, Jorge Val; a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o presidente e o secretario de Hostelería de España, José Luis Yzuel e Emilio Gallego, e varios empresarios del sector.

A guía online, nesta ligazón:

https://apehl.org/es/guia-turistica/