APEHL

A Apehl loitará a vindeira semana no III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos co cociñeiro José Luis Pardo, de Orixe do Campo

  • 31 asociacións competirán polo título á Mellor Tapa/Pincho de España no certame que terá lugar en Madrid Fusión os días 27 e 28 de xaneiro.

24.01.2025. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estará representada no III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organiza Hostelería de España, por José Luis Pardo, do restaurante Orixe do Campo.

Co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougan e Transportes Valín, a provincia de Lugo defenderá a súa candidatura neste campionato, que terá lugar no contexto do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, que se celebrará a vindeira semana na capital española. O evento aglutina os distintos campionatos do país para fomentar a profesionalidade do sector e pór en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española.

Para o III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, o cociñeiro José Luis Pardo, acompañado pola súa axudanta Auriana Macías, presentará a proposta Petisco Larpeiro, un tartarde vieira con crema de aguacate, espuma de xamón de Porco Celta e tomate semiseco sobre New York roll.

A competición celebrarase durante os próximos 27 e 28 de xaneiro e participarán 31 establecementos hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería, na que rivalizarán por gañar o premio á Mellor Tapa/Pincho.

Este campionato é a fase final dunha serie de concursos de tapas e pinchos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións que integran Hostelería de España, como é o caso do XIX Concurso de Tapas de Lugo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).