23.01.2026. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) estará representada no IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organiza Hostelería de España, polo cociñeiro José Luis Pardo, do restaurante El Boni, quen logrou o primeiro premio do xurado técnico na final da última edición do Concurso de Tapas de Lugo.
Co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougan, 2.i, Merluza de Burela e Transportes Valín, a provincia de Lugo defenderá a súa candidatura neste campionato, que terá lugar no contexto do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, que se celebrará a vindeira semana na capital española. O evento aglutina os distintos campionatos do país para fomentar a profesionalidade do sector e pór en valor a tapa como elemento esencial da gastronomía española.
Para o IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, o cociñeiro José Luis Pardo, que na anterior edición do certame logrou colocar a provincia en segunda posición, presentará a proposta “Ostra, qué merluza de Burela”, un trampantojo de falsa ostra feita de galleta de tinta de lura, rechea de gaspacho de gilda elaborado con aceite de oliva de Quiroga, merluza do pincho de Burela cociñada a baixa temperatura e ovas de troita, finalmente coroada cun aire de carabinero.
A competición celebrarase durante os próximos 26 e 27 de xaneiro e participarán 34 cociñeiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostelería, na que rivalizarán por gañar o premio á Mellor Tapa/Pincho.
Este campionato é a fase final dunha serie de concursos de tapas e pinchos adscritos e pertencentes ao conxunto das asociacións que integran Hostelería de España, como é o caso do XX Concurso de Tapas de Lugo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl).