APEHL

A Apehl pide que se cancelen os pagos dos seguros sociais, as cotas de autónomos e os alquileres durante o estado de alarma

01.04.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) considera totalmente insuficientes as medidas económicas aprobadas polo Goberno do Estado no día de onte ante a situación de incerteza que viven as pequenas e medianas empresas de hostalería, que afrontan o peche dos seus negocios, un futuro económico incerto e unha inestabilidade laboral para os autónomos e os seus traballadores.

Desde Apehl consideramos que, ante a situación actual, non é admisible que se cargue ás pemes de hostalería con pagos e impostos que non se poden afrontar neste momento de peche dos negocios e que van supor un endebedamento de cara ao futuro das empresas. A medida aprobada do adiamento do pago dos seguros sociais en seis meses non é unha solución, xa que supón endebedar ás empresas.

PETICIÓNS DO SECTOR PARA PROTEXER ÁS PEMES DE HOSTALERÍA

Por iso, desde Apehl pídese ao Executivo a aprobación da medida excepcional de supresión do pago dos seguros sociais das pemes desde a declaración do estado de alarma do pasado día 14 de marzo ata a finalización do mesmo.

De igual forma, no día de onte cargáronse nas contas correntes aos autónomos os recibos de pago das cotas do réxime especial de autónomos de todo o mes de marzo. Desde a Asociación consideramos que é inadmisible que desde o Estado se cobre estas cotas e se recaden impostos cando os autónomos non están a exercer nestes momentos a súa actividade.

Desde Apehl trasládase a preocupación das pemes porque o Goberno non tomase a iniciativa de limitar o pago dos alugueres dos locais das actividades afectadas polo estado de alarma. Os alugueres supoñen entre un 10 a un 15 % do gasto total das empresas. Non vai ser posible que miles de pemes soporten este gasto durante o tempo que dure o estado de alarma no caso de que os propietarios se neguen a negociar a renuncia ao cobro de todo ou parte das rendas de aluguer, situación que xa está a ocorrer, e que ademais pode xerar gran conflitividade xudicial.

Neste sentido, desde Apehl denunciamos que o Goberno non está a ser sensible á situación de miles de autónomos con pequenos negocios de hostalaría que son o elo débil da cadea. Denunciamos que o facer recaer sobre eles as cargas de impostos e alugueres vai afectar á supervivencia das pemes e ao mantemento do emprego.

O esforzo que se está facendo desde as pemes e da sociedade non se está vendo apoiado por medidas económicas efectivas por parte do Goberno do Estado. Reclaman que se protexa ás pemes para que a situación de liquidez que tiñan o día 13 de marzo, antes da declaración do estado de alarma, sexa a mesma cando se levante o confinamento e se volvan a abrir os establecementos. É indispensable que isto o entenda o Goberno xa que a súa falta de valentía ou de entendemento das solucións que necesitan as pemes neste momento pode provocar a insolvencia ou o endebedamento de miles de empresas e do emprego que manteñen.