APEHL

A Apehl presenta Marida Maio, as xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra

10.05.2024. A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) organiza este mes as xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra co nome de Marida Maio. Son presentacións dos viños das bodegas participantes xunto cos pinchos dos establecementos hostaleiros; tamén se unen empresas turísticas para dar a coñecer os seus servizos.

Tras varios días xerando expectación nas redes sociais, a Apehl desvela o contido desta actividade que se desenvolverá no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos os  tres próximos xoves de maio, o 16, o 23 e o 30. O encontro durará en torno a unha hora e media, desde ás 19:30 h ata ás 21:00 h e a asistencia é de balde. Non obstante, a capacidade máxima de persoas permitida por día é de 30, por iso se necesita realizar a inscrición previa nos teléfonos 982 412 050 ou no 982 404 715.

A primeira cita celebrarase o xoves 16, véspera do Día das Letras Galegas, e nela participarán as bodegas Val do Frade e Cruceiro, o restaurante monfortino Manuel Bistró e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Sober.

O concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran neste evento patrocinado pola Deputación de Lugo.