19.01.2026. Este mércores, 21 de xaneiro, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, dará a coñecer unha nova edición da colección de guías turístico-gastronómicas da provincia de Lugo …E para comer, Lugo na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) por décimo oitavo ano consecutivo.
O stand de Galicia en Fitur será un ano máis o escenario no que se desenvolverá a súa posta en sociedade, a partir das 15:10 horas. Cheché Real, como máximo responsable da Apehl, encargarase de desvelar todo o contido que esconde a publicación deste ano, titulada Lugo, bajo la magia del eclipse, que, nesta ocasión, puxo o foco nun acontecemento extraordinario: a eclipse total de Sol do 12 de agosto, unha cita astronómica que converterá a provincia nun dos puntos máis atractivos para a súa observación.
Lugo será un lugar privilexiado para gozar da eclipse, tanto pola súa localización como pola variedade de paisaxes e miradoiros naturais, con horizontes abertos e escenarios diversos, que fan da provincia un destino especialmente axeitado para vivir unha experiencia única. A guía incorpora este fenómeno como fío condutor e convida a planificar unha viaxe diferente na que o ceo e a terra se dan a man: vir pola eclipse e quedar por todo o que Lugo ofrece.
Nas súas páxinas recóllense propostas para descubrir patrimonio imprescindible, espazos naturais de gran beleza, rutas, plans e produtos gastronómicos característicos, ademais de curiosidades e recomendacións para percorrer as comarcas. Como guiño lúdico, nesta edición vincúlase cada comarca cun signo do zodíaco, unha invitación a elixir destino dun xeito sorprendente, entendendo a viaxe tamén como xogo e descubrimento.
A publicación conta coa colaboración da Xunta de Galicia e serve de memoria das diferentes actividades que desenvolveu a Asociación ao longo de 2025. Recolle distintas accións gastronómicas, diversos concursos de tapas, a participación por décimo terceiro ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os seus establecementos de hostalería asociados.