09.08.2024. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) está finalizando os últimos preparativos para que o posto …E para comer, Lugo comece a súa viaxe por España e Portugal con La Vuelta Ciclista a España, unha iniciativa que se leva adiante grazas ao interese e colaboración da Xunta de Galicia.
Para este duodécimo ano de promoción turística con La Vuelta contará cunha novidade e é que o seu colaborador Cafés Candelas entregoulle esta mañá un coche novo para que a ruta por estrada se faga moito máis amena.
O obxectivo da Apehl con este proxecto é facer promoción gastronómica e turística da provincia de Lugo no seu conxunto, dando a coñecer todo o bon que esta provincia ten para os visitantes. “Damos a coñecer as paisaxes, a cultura, o patrimonio artístico, os noso productos e a nosa gastronomía para que cada ano Lugo como provincia sexa recoñecida polos turistas e todos saiamos gañando”, apunta o presidente da Apehl, Cheché Real.
Para iso, o estand …E para comer, Lugo instalarase na zona VIP das saídas de cada etapa. Será o persoal da Asociación quen atenderá aos asistentes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados...) e difundirá exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo, ademais de servir aperitivos elaborados con produtos da terra.
Produtos que son facilitados por colaboradores como os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo de O Cebreiro, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, así como por Avimós, Asovega, Asoporcel, Armadores de Burela, Afapan, Aceite de Quiroga, Acruga, Galletas Daveiga, Montepicato ou Estrella Galicia. A Apehl conta tamén co apoio de El Progreso, INPE, Transportes Valín, o club CD Burela FS, a asociación Cociñeiros Lugo e Cafés Candelas.
Real agradeceulle a Cafés Candelas a entrega deste vehículo porque “esta iniciativa facilitará moito o traballo dos nosos compañeiros e aportaralles unha comodidade añadida para un traballo que supón un esforzo importante. Hai que ter en conta que en moi pouco tempo e con pouca marxe de tempo temos que montar o estand, desmontalo e traladarnos ao seguinte destino”.