26.09.2019. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) recolleu onte un dos Premios HGg&T entregados na XVII Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, que tivo lugar no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Jacobo García-Bobadilla, secretario da Apehl; José Manuel Cela, vicepresidente da Asociación, e Daniel Romay, membro da Xunta Directiva, recolleron o galardón na modalidade de Imaxe Intersectorial e Divulgación, pola promoción dos produtos, da provincia e da gastronomía lucense en todas as saídas das etapas de La Vuelta Ciclista a España nos últimos oito anos.
Ao recoller o galardón, García-Bobadilla subliñou que “este recoñecemento é un gran o orgullo para a nosa Asociación” e agradeceu “o apoio da Xunta de Galicia con esta iniciativa porque sen él non poderíamos ter levado a cabo este proxecto, así como o recibido por todos os colaboradores que están con nós ano tras ano”.
Foi unha gala especial xa que se cumpría a vixésimo quinta edición destes Premios que recoñecen a persoas ou entidades cuxa acción ou labor destacase de forma extraordinaria no sector turístico e gastronómico. Fíxose entrega dun total de 18 distincións, dúas por cada unha das oito categorías e varios premios extraordinarios.
O acto foi clausurado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.