APEHL

A Apehl reclama un Plan de Rescate ao Goberno central para garantir a supervivencia da hostalería

  • Os hostaleiros concentráronse esta mañá diante da Subdelegación do Goberno en Lugo e entregáronlle o “Plan de rescate nacional” da hostalería á subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez.

12.11.2020. Continuando coas accións de reivindicación ante a situación que está a padecer o sector da hostalería, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) levou a cabo esta mañá unha concentración fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo para facerlle entrega á subdelegada do “Plan de rescate nacional”, dirixido ao Goberno central.

Os datos que arroxa a crise provocada pola pandemia supuxeron en todo o país, ata o mes de outubro, o peche de 65.000 negocios hostaleiros, a perda de 350.000 postos de traballo e a facturación xa caeu máis do 50 % respecto de 2019.

A extensión no tempo da pandemia e o enfraquecemento das empresas fai que as medidas habilitadas, como os ERTES e préstamos ICO xa non sexan suficientes, e se cifre en 8.500 millóns de euros o orzamento necesario para xerar axudas directas ao sector.

Por iso, no escrito enviado ao Goberno, o sector hostaleiro reclama unha coordinación coas Comunidades Autónomas e a administración local para a aplicación de medidas económicas paliativas dos efectos económicos da pandemia e da declaración do estado de alarma.

Concretamente, as propostas presentadas pola hostalería son:

  • Aplicación de axudas directas, a fondo perdido, para a supervivencia das empresas e os autónomos durante os períodos de estado de alarma/pandemia.
  • Aplicación de fondos europeos para o mantemento e supervivencia das empresas e os autónomos durante os períodos de estado de alarma/pandemia.
  • Definición dun Plan Estratéxico da Gastronomía de España, contemplando toda a cadea de valor, que sexa o referente orientador das accións e aplicacións de fondos, evitando as duplicidades e asegurando eficiencias na aplicación de recursos, nos niveis estatal, autonómico e local.
  • Impulso dun Plan de Formación específico para a mellora da xestión económica e a profesionalización do sector hostaleiro e turístico.

Tamén se engaden:

  • A moratoria automática, con ampliación dos períodos de carencia da devolución dos principais dos créditos, durante todo o tempo que perduren o estado de alarma ou a declaración de pandemia. A complicada situación que están a vivir as empresas e os autónomos, con actividades restrinxidas ou directamente prohibidas polo estado de alarma ou os decretos autonómicos, fai de imposible cumprimento a devolución de ningún tipo de préstamo.
  • Modificación da regulación de alugueres, que contemple as circunstancias de estado de alarma, toque de queda ou regulación asimilada, e pandemia, como circunstancias que permitan:
  • A eliminación total do pago dos alugueres durante os períodos de peche total dos establecementos, e este custo sexa aplicado con cargo ao plan de apoio e reconstrución.
  • A redución proporcional do pago dos alugueres, durante os períodos de peche de franxas horarias ou limitación de usos e da actividade dos establecementos, con cargo a plan de apoio e reconstrución.
  • Derrogar a cláusula dos ERTES con relación ao mantemento do emprego nos seis meses seguintes á continuación da actividade. Co transcurso do tempo é unha necesidade a reestruturación de moitas empresas e autónomos, se queren garantir a súa supervivencia, o que as obriga a tomar a decisión de aplicar ERES ou concursos, polo que están a actuar sen ánimo defraudatorio, senón por puro estado de necesidade. Así como a prórroga automática e unida aos estados de alarma e/ou pandemia, que deixe sen efecto o límite do 31 de xaneiro de 2021.

 

Ademais de todas estas medidas proponse outras accións relacionadas coa reactivación da demanda como o compromiso de baixar impostos ao consumo (IVE ao 5 %), non subir impostos directos ou indirectos que lastren a capacidade de reactivación e a competitividade internacional da nosa industria, e investir recursos en bonos e axudas directos a familias e empresas, aplicables ao consumo directo en hostalaría (bares, restaurantes, hoteis…) que promovan o consumo e a actividade económica para o sector.

CONCENTRACIÓNS EN TODA ESPAÑA E A PROVINCIA DE LUGO

Esta nova mobilización, organizada en colaboración coa patronal nacional do sector, Hostelería de España, realizouse simultaneamente en todas as delegacións e subdelegacións territoriais do Estado.

Así mesmo, e debido ás restricións de mobilidade e peche perimetral de moitas poboacións, no resto dos municipios da provincia de Lugo a concentración tivo lugar á mesma hora fronte ás casas consistoriais dos diferentes concellos, respectivamente.

Ademais, queremos facer público que esta Asociación está a recibir o apoio dos distribuidores e provedores de hostalería de toda a provincia de Lugo, así como dos produtores do distintas IXP e DO. Trátase, ao fin, dunha acción reivindicativa de todo o sector e a súa cadea de valor.