APEHL

A Apehl reunirá á hostalería lucense o vindeiro luns en Ribadeo na súa gala anual

09.04.2026. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) celebrará o vindeiro luns 13 de abril a Gala Provincial da Hostalería no restaurante Voar, en Ribadeo, que será servida por Eventos Mesón de Alberto.

Durante o evento, a Apehl fará entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, cos que este ano recoñece a traxectoria de Áurea Rodríguez Toirán, do Restaurante Río Loyo (Paradela); José Manuel Fontal Vázquez (Pepe) , do Hotel Roma (Sarria); Jesús Galdo Sánchez, de Val do Naseiro (Viveiro), e Ramón Álvarez López.     

O acto contará coa presenza de María José Gómez, conselleira do Medio Rural; Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega. Tamén asistirán alcaldes da Mariña, representantes institucionais, membros de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ademais de provedores e profesionais do sector.

A gala constitúe unha cita destacada no calendario anual da Apehl, que cada ano se celebra nun punto diferente da provincia e que, nesta ocasión, terá como escenario a vila de Ribadeo.