09.04.2021. A nova directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (Apehl), que continúa presidindo Cheché Real, reuniuse co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo para abordar o abano de medidas para axudar á hostalería neste díficil contexto sanitario.
A reunión serviu para valorar as medidas que están en marcha ou en proxecto para os próximos meses. En primeiro lugar, Arias lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a abonar as axudas directas do segundo Plan de rescate, ao tempo que deseña a terceira edición xunto cos empresarios, sindicatos e autónomos no marco do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo, para activalo en canto o Estado transfira os fondos necesarios. O delegado lembrou que a Xunta xestionou os dous primeiros plans coa máxima axilidade.
Igualmente, apuntou que o Goberno galego tomou a decisión de eximir ás empresas de devolver axudas nas que non puideron facer fronte a determinados compromisos marcados nas bases das convocatorias sempre que demostren que é como consecuencia da covid-19, prestando especial atención aos sectores máis afectados por esta crise.
Esta medida de apoio dá continuidade a outras xa aprobadas con anterioridade, como a decisión de favorecer a solvencia de pemes e autónomos ampliando os prazos de reembolso dos préstamos e microcréditos, así como o período de carencia dos mesmos que pasa de 12 a 24 meses.
Hostalería segura
Javier Arias afirmou que a Xunta “facilita a apertura da hostalaría na medida en que as condicións sanitarias o permiten” e apelou á responsabilidade “non só do sector, senón tamén dos usuarios para que se poida manter a actividade”.
O delegado insistiu en que a hostalería está a realizar un gran esforzo de adaptación ás restricións sanitarias para mostrarse como unha actividade segura. A Xunta facilitoulle ferramentas a través da plataforma web Turespazo, na que os hostaleiros poden descargar os carteis informando de aforos e outras cuestións e xerar o código QR do establecemento, co fin de facilitar o rastreo de posibles contaxios.
Paralelamente puxéronse en marcha iniciativas para incentivar o turismo interior, como o bono turístico. Neste momento está aberto o prazo para que se adhiran os establecementos e empresas interesadas en participar, e proximamente abrirase a convocatoria para os cidadáns.