APEHL

A Apehl valora positivamente a decisión do Goberno de prorrogar os ERTE na hostalería, pero esixe un plan de rescate ao sector

  • A Asociación lucense de hostaleiros participou esta mañá na caravana reivindicativa celebrada en Madrid para pedir estas medidas urxentes.

29.09.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) estivo presente esta mañá na caravana reivindicativa, convocada por Hostelería de España, Hostelería de Madrid e a Asociación Madrileña de Empresas de Restauración (AMER), na que, a pesar do principio de acordo para incluír na prórroga dos ERTE ata o 31 de xaneiro á hostalería, esixiron outras medidas que vertebren un plan estratéxico de rescate do sector, onde se incluirían propostas de estímulo de demanda, a inclusión da hostalería na aplicación dos fondos europeos e axudas de fomento do emprego.

No acto reuniuse unha gran caravana de coches, furgonetas e camións representando a toda a cadea de valor do sector hostaleiro, que se manifestou polas rúas de Madrid e culminou a súa protesta diante do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, onde valoraron como un xesto positivo do Goberno, pero insuficiente, a inclusión do sector hostaleiro na prórroga dos ERTE.

“A situación da hostalería é crítica. Cos ingresos actuais é imposible afrontar o pago das nóminas de todos os empregados, a súa seguridade social, os gastos de aluguer do local, a materia prima e restos de custos fixos. Despois de seis meses consecutivos en perdas, o sector necesita esta ampliación dos ERTE, mesmo máis aló do 31 de xaneiro, e axudas específicas, se non será difícil evitar os despedimentos e os peches dalgúns locais”, asegura Cheché Real, presidente de Apehl.