APEHL

A Apehl e o cociñeiro José Luis Pardo deixan a provincia de Lugo en moi boa posición no IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos

  • A tapa “Ostra, qué merluza de Burela” logrou colarse na gran final do certame, pero finalmente o título á Mellor Tapa/Pincho de España recaeu na proposta presentada por  Hostelería e Turismo en Asturias (OTEA).

27.01.2026. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) rozou por segundo ano consecutivo o título de Mellor Tapa/Pincho de España na gran final do IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organizou Hostelería de España no marco do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión.

A provincia de Lugo defendeu, co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougán, 2.i, Merluza de Burela e Transportes Valín, a súa candidatura da man do cociñeiro José Luis Pardo, quen, acompañado pola súa axudanta Verónica Díaz, presentou a proposta “Ostra, qué merluza de Burela”, un trampantojo de falsa ostra feita de galleta de tinta de lura, rechea de gaspacho de gilda elaborado con aceite de oliva de Quiroga, merluza do pincho de Burela cociñada a baixa temperatura e ovas de troita, finalmente coroada cun aire de carabinero.

Á fase final do campionato, que tivo lugar este mediodía, pasaron seis finalistas, en representación da Asociación de Hosteleros de Málaga, da Asociación Rioxana de Empresas de Hostelería (Hostelería Rioxana), de Hostelería e Turismo en Asturias (OTEA), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Alicante (Apeha), de Sea Hostelería-Ostalaritza e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl).

Finalmente, o primeiro premio recaeu na proposta “Anda Rica”, presentada pola asociación Hostelería e Turismo en Asturias (OTEA).

Cheché Real, presidente da Apehl, quen acompañou a José Luis Pardo e Verónica Díaz durante estes dous días no campionato, subliña “o gran papel dos dous representantes da provincia de Lugo nesta edición, na que puidemos observar o gran nivel de todos os competidores. É para nós un orgullo ter chegado á final deste certame por segundo ano consecutivo da man de José Luis Pardo. Debemos recoñecer o seu magnífico traballo como profesional e darlles as grazas aos dous por deixar á nosa provincia en tan boa posición nun certame nacional”.