18.10.2022. A terceira edición do Encontro Gastronómico e Cultural ...E para comer, Lugo no Camiño, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (Apehl) e impulsada pola Xunta de Galicia cunhca achega de 15.000 euros ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, foi presentada esta mañá na Delegación Territorial, con asistencia do delegado, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, Cheché Real, e algúns dos cociñeiros e participantes invitados ao evento.
O encontro, centrado na cultura gastronómica dos Camiños de Santiago, celebrarase o día 24 de outubro no Museo Interactivo da Historia de Lugo e inclúe demostracións e degustacións de cociña elaborada polos cociñeiros Diego López, do restaurante Bulló Xantar; Nardo Eiroa, do restaurante Canedo; Alejandro Méndez, de Os Cachivaches, e Pablo Vila, da cadea Oca Hoteles. Utilizarán produtos de proximidade e alimentos co distintivo de Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida.
Tamén terán cabida unha demostración do barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas, e un obradoiro para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
Igualmente, presentarase un vídeo promocional sobre as catro rutas oficiais que atravesan a provincia de Lugo, poñendo de relevo os seus recursos naturais, arquitectónicos e históricos e resaltando os produtos gastronómicos ligados a cada zona.
CALENDARIO DE CATAS
Como complemento á xornada comezan hoxe mesmo unha serie de catas guiadas por persoal do Instituto Galego do Viño que percorrerán cinco localidades da provincia. A cita desta tarde, a partir das 17.00 horas, será no Hotel A Veiga, de Samos. Mañá 19 celebrarase no establecemento La Vieja Taberna, da Pobra do Brollón; o xoves no Berso, en Sober; o 25 de outubro no Asador del Alba, en Barreiros; e o 26 na Parada das Bestas, en Palas de Rei.
Arias destacou “o volume de actividades e a pluralidade de enfoques aos que dá lugar o proxecto O Teu Xacobeo, posto en marcha polo Goberno galego para implicar á cidadanía con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago”.