• Os representantes de hostalería, fabricación e distribución e das industrias de alimentación e bebidas aseguran que o Goberno debería ter en conta as recomendacións de apertura segura do sector antes de anunciar as fases de reapertura
30.04.2020. A cadea de valor da hostalería lamenta que, a pesar dos seus intentos de colaboración, o Goberno presentase un plan de desescalada sen contar coa visión e recomendacións das principais organizacións do sector. No entanto, o sector reafírmase na súa vontade de tender a man ao Executivo para coordinar un plan de reapertura que, primando criterios sanitarios, garanta a supervivencia da hostalería e toda a industria asociada.
Así o manifestaron a través dunha rolda de prensa organizada polas tres entidades representativas da cadea de valor do sector: Hostelería de España, organización empresarial na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl); AECOC, asociación empresarial que integra a máis de 30.000 fabricantes e distribuidores; e FIAB, Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas, que representa ao primeiro sector industrial do país con máis de 30.000 empresas e case 500.00 traballadores.
As tres organizacións poñen a disposición do Goberno a Guía de reapertura segura, unha guía técnica elaborada por expertos que sinala as medidas necesarias para garantir a máxima seguridade de clientes, traballadores e provedores, con medidas preventivas adaptadas a cada tipo de establecemento a través de, entre outras, o distanciamento social, medidas de hixiene e seguridade alimentaria.
Tal e como afirmaron desde as entidades, “trátase dun documento moi serio e traballado que, aínda que recolle as medidas que se necesitan para garantir unha hostalería segura para todos, debería ser a base que marque os criterios e condicións de reapertura e, por tanto, o documento no que fixarse para determinar o calendario da desescalada no noso sector”.
Desde as entidades aseguran que o Goberno anunciou fases de reapertura sen considerar a información técnica necesaria, contida nesta guía, que actualmente se atopa en proceso de aprobación por parte do ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española), entidade designada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para desenvolver estes plans nos distintos sectores que aborda o turismo.
Así mesmo, as tres organizacións lembraron que, para fixar o calendario de reapertura do sector, ademais de considerar a información técnica facilitada polos expertos, o Goberno debe concretar antes unha serie de medidas económicas e fiscais que a cadea de valor da hostalaría leva reclamando desde hai semanas.
Así, sinalan que o Executivo aínda non concretou en que consiste a flexibilidade dos ERTES, nin anunciou definitivamente a derrogación da cláusula dos ERTES en relación ao mantemento do emprego nos seis meses seguintes á continuación da actividade.
Tampouco obtiveron resposta ás liñas de financiamento para os pequenos empresarios que viñeron reclamando, posto que as actuais cualifícanas de “insuficientes”. De igual modo, tampouco teñen noticia dos microcréditos solicitados, nin da suspensión do pago dos alugueres ou as taxas municipais, “que tanto están a afogar aos establecementos hostaleiros”, sinalaron.
Ademais destas medidas “absolutamente necesarias” para poder garantir a apertura e subsistencia dos máis de 300.000 establecementos hostaleiros que existen no noso país, desde as entidades subliñaron que son un sector unido e comprometido coa seguridade de todos e solicitaron ao Goberno dispor dos EPIS e hidroxeles necesarios para que os locais poidan cumprir as condicións de seguridade necesarias para retomar a actividade.
“É unha auténtica sorpresa para nós oír falar de datas de reapertura cando non temos aínda nin as condicións hixiénico-sanitarias establecidas por parte do Goberno, nin os medios para poder levalas a cabo, nin as medidas económicas e fiscais que o sector necesita para reabrir os seus negocios. Por agora, nas condicións actuais, non podemos reabrir de ningunha maneira”, sinalou o presidente de Hostelería de España, José Luís Yzuel, quen engadiu que, sen todas estas medidas, o peche de establecementos hostaleiros podería ascender ao 30 %.
O director xeral de AECOC, José María Bonmatí, afirmou que “o que debe primar non é tanto a porcentaxe de aforamento permitido nos establecementos como que se poidan garantir as esixencias sanitarias e de seguridade para empregados e clientes. Nese sentido, a desescalada debería considerar as mesmas datas de apertura e condicións aos establecementos de restauración dos centros comerciais que no resto de locais, a condición de que se cumpran os requisitos necesarios”.
Pola súa banda, o director xeral de FIAB, Mauricio García de Quevedo, subliñou que “a hostalaría é clave para o conxunto da economía española e tamén para a industria de alimentación e bebidas. A facturación á canle horeca dalgúns dos nosos sectores nalgúns casos chega ao 80 %. Por tanto, consideramos imprescindible retomar a vía do diálogo e a colaboración co Goberno. Só mediante a coordinación e o traballo conxunto poderemos elaborar un plan viable para a reactivación económica do sector con todas as garantías de seguridade para traballadores e clientes”.
As tres entidades representantes destes gremios, que integran toda a cadea de valor da hostalería, en conxunto supoñen algo máis do 29 % do PIB e empregan a preto de 7 millóns de traballadores.