21.01.2026. O acto celebrouse no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se está celebrando en Madrid, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado por Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, e María José Gómez, conselleira do Medio Rural.
Co título Lugo, bajo la magia del eclipse, esta nova publicación da colección de guías …E para comer, Lugo pon o foco nun acontecemento extraordinario: a eclipse total de Sol do 12 de agosto, unha cita astronómica que converterá a provincia nun dos puntos máis atractivos para a súa observación.
Real subliñou durante a súa intervención que “Lugo será un lugar privilexiado para gozar da eclipse, tanto pola súa localización como pola variedade de paisaxes e miradoiros naturais, con horizontes abertos e escenarios diversos, que fan da provincia un destino especialmente axeitado para vivir unha experiencia única”. A guía incorpora este fenómeno como fío condutor e convida a planificar unha viaxe diferente na que o ceo e a terra se dan a man: vir pola eclipse e quedar por todo o que Lugo ofrece.
O libro conta con 132 páxinas e no primeiro apartado realízase un percorrido polos 67 concellos lucenses repartidos conforme ás 13 comarcas que os agrupan. “Como xesto lúdico, nesta edición vincúlase cada comarca cun signo do zodíaco, unha invitación a elixir destino dun xeito sorprendente, entendendo a viaxe tamén como xogo e descubrimento”, relatou Cheché Real.
Os seguintes capítulos son seccións habituais como o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo de 2025, a participación por décimo terceiro ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os establecementos de hostelería asociados á Apehl. Conta ademais cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.
Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas de La Vuelta Ciclista a España.
Xa está dispoñible a súa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es.
Na posta en sociedade deste volume, o presidente da Apehl, Cheché Real, destacou as posibilidades que ofrece esta guía “para elixir destino, porque en Lugo hai moito que ver, moito que vivir e moito que saborear”.
Neste senso, Real aproveitou para poñer en valor os produtos lucenses e a súa transformación. “Se algo converte a Lugo nun destino memorable, é o pracer da súa gastronomía. Un piar no que participan moitos elos: desde os produtores que coidan o territorio e manteñen vivo o rural, ata os profesionais da hostelería que transforman esa calidade en experiencias inesquecibles”, sinalou.
Para finalizar a súa intervención, o presidente da Apehl recalcou unha idea sinxela: “Calquera dos 67 concellos é un gran destino para vivir o fenómeno astronómico do ano. A eclipse será a escusa perfecta, pero o que fará que a xente quede ou queira volver será o de sempre: a beleza das nosas paisaxes, a nosa cultura, a nosa hospitalidade e todo o noso sabor”.
Na presentación tamén estiveron autoridades dos ámbitos local e rexional, así como representantes de asociacións de produtores da provincia.