APEHL

A Gala Provincial da Hostalería Lucense reuniu ao sector en Ribadeo e a Apehl reivindicou a formación e a promoción como claves de futuro

13.04.2026. O encontro anual dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), celebrouse esta noite no restaurante Voar, en Ribadeo, cunha cea servida por Eventos Mesón de Alberto na que se xuntaron preto de 200 asistentes entre hostaleiros, autoridades, provedores e representantes do sector.

Durante o evento fíxose entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, cos que a Apehl recoñeceu este ano a traxectoria de Áurea Rodríguez Toirán, do Restaurante Río Loyo (Paradela); José Manuel Fontal Vázquez (Pepe), do Hotel Roma (Sarria); Jesús Galdo Sánchez, de Val do Naseiro (Viveiro), e Ramón Álvarez López. Os galardoados recibiron unha peza de Sargadelos coa marca turístico-gastronómica “…E para comer, Lugo”.

Tras a entrega dos premios tiveron lugar as intervencións institucionais, que abriron co presidente da Apehl, Cheché Real, quen puxo en valor o papel da hostalería como “un sector vivo, dinámico e fundamental para a economía e a imaxe da provincia”.

Durante a súa intervención, destacou tamén o bo momento que vive a provincia de Lugo como destino turístico e sinalou oportunidades de futuro como a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto, que situará a provincia e, en especial A Mariña, como un dos mellores lugares do mundo para a súa observación. Neste sentido, incidiu na necesidade de que o sector estea preparado para ofrecer “calidade, servizo e a mellor imaxe posible da nosa terra”.

Real fixo fincapé na formación como un dos piares estratéxicos da hostalería, apostando pola profesionalización, a adaptación ás novas tecnoloxías e ás novas demandas dos visitantes, e tamén puxo en valor o labor da Asociación na promoción da provincia, con accións como a participación na Vuelta Ciclista a España ou a edición da guía turística e provincial “…E para comer, Lugo”.

O presidente da Apehl fixo referencia, ademais, ao 50 aniversario da entidade, que se celebrará en 2027, subliñando medio século de traballo en defensa do sector, promoción do territorio e impulso do asociacionismo.

A continuación, interviñeron o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, quen coincidiron en destacar a importancia da hostalería como motor económico, social e turístico.

A gala constitúe unha cita consolidada no calendario da Apehl, que cada ano se celebra nun punto diferente da provincia e que, nesta ocasión, tivo como escenario a vila de Ribadeo, reafirmando o compromiso da entidade coa promoción de todo o territorio lucense.