15.04.2024. O encontro anual dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), volveu celebrarse esta noite no hotel Méndez Núñez de Lugo.
Durante a Gala Provincial da Hostalería Lucense, que comezou ás 20:30 horas, fíxose entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, homenaxeando así a traxectoria de a Carlos Rodríguez e Jaime Eiras, da Cafetería Nevada, de Lugo; José Ramón Fernández, do Restaurante Mazo de Santa Comba, de Lugo; Carmen Maseda e Horacio Rodríguez, do Restaurante Río Lor, de Quiroga, e Manuel Penas, do Restaurante La Casilla, de Guitiriz.
MENCIÓN ESPECIAL E INSIGNIA DE OURO DA APEHL
A Apehl entregoulle ademais unha mención especial a Víctor Fernández, pola súa constancia, xa que desde o ano 1986 acudiu a todos os encontros anuais da Asociación.
Por outra banda, a insignia de ouro da Apehl foille entregada a José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España desde 2017. Iniciou a súa vinculación co mundo asociativo no ano 2001 coa presidencia da Asociación de Restaurantes de Zaragoza e actualmente é tamén membro da xunta directiva da CEOE, vicepresidente da Comisión de Turismo da CEOE e vicepresidente de Saborea España.
Seguidamente, interveu o presidente da Apehl, Cheché Real, que puxo en valor todo o traballo realizado ao longo de case 50 anos e resaltou o papel da Asociación para lograr a mellora das cifras turísticas na provincia: “Estamos moi satisfeitos de aportar o noso gran de area para lograr colocar a Lugo, como provincia, no lugar do mapa que lle ten correspondido desde sempre”.
Neste sentido, subliñou que “a nosa hostalería fai de Lugo un destino apetecible, rico en experiencias e en sabores, un destino ao que a un sempre lle quedan ganas de volver”.
Finalmente, dedicou unhas palabras de agradecemento a todas as institucións e organismos que colaboran incondicionalmente coa Apehl, “pois todos eles deben ver as nosas iniciativas e proxectos como investimentos e non como gastos”, e a todo o público pola súa asistencia.
O evento reuniu a preto de 200 persoas, entre hostaleiros, autoridades, representantes das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e produtores de razas autóctonas de Galicia, así como a provedores e profesionais do sector, e contou coas intervencións de Miguel Fernández, diputado del Área de Formación, Enseñanza y Economía de la Diputación de Lugo; Olalla Rodil, viceportavoz del Grupo Parlamentario del BNG en el Parlamento de Galicia; Alfonso Villares, conselleiro do Mar; María José Gómez, conselleira do Medio Rural, e Paula Alvarellos, alcaldesa do Concello de Lugo.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, enviou un saúdo vía telemática.