APEHL

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo expuxo este mediodía en Madrid a 17.ª edición da súa guía, coa que pretende nov

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo expuxo este mediodía en Madrid a 17.ª edición da súa guía, coa que pretende novamente promover de maneira conxunta o turismo nos 67 concellos da provincia.

22.01.2025. O acto celebrouse no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se está celebrando en Madrid, onde o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, estivo acompañado por Mauricio Repetto, concelleiro da área de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo; José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, e Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, quen disculpou o retraso da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, que non puido finalmente participar no acto por un contratempo no voo no que viaxou desde Galicia.             

Co título Lugo, con los cinco sentidos, esta nova publicación busca que o visitante conecte máis co seu mundo interior e goce de todas as opcións que ofrece a provincia. Aparecen mostras de patrimonios imprescindibles, espazos naturais de gran beleza, rutas para percorrer, produtos gastronómicos típicos ou curiosidades. Cada concello está marcado cos sentidos sensoriais que poden ser máis apreciados nas súas paisaxes e monumentos.

O libro conta con 132 páxinas que se distribúen en catro apartados. No primeiro deles realízase un percorrido polos 67 concellos lucenses repartidos conforme ás 13 comarcas que os agrupan. De seguido, os tres capítulos restantes son seccións habituais como o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo de 2024, a participación por décimo segundo ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os establecementos de hostalería asociados á Apehl. Conta ademais cun índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e webs de información máis destacadas.

Cunha tiraxe de 15.000 exemplares, a publicación distribúese en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas de La Vuelta Ciclista a España.

Xa está dispoñible a súa edición dixital nas webs www.apehl.org e www.eparacomerlugo.es.

Na posta en sociedade deste volume, o presidente da Apehl, Cheché Real, destacou as posibilidades que ofrece esta guía para interpretala a través dos cinco sentidos: “Pretendemos que o visitante desconecte do seu día a día para realizar unha práctica pouco común nos tempos que corren, gozar sen présa”.

Real aproveitou para poñer en valor os produtos lucenses e a súa transformación. “Recalco especialmente o sentido do gusto porque se hai algo que fai destacar a Lugo como destino é o pracer que ofrecemos coa nosa gastronomía, un piar fundamental da nosa provincia no que están implicados moitas partes, dende os produtores que traballan e reavivan o noso rural e as nosas paisaxes cada día, ofrecéndonos produtos de altísima calidade (queixos, viños, carnes, pescados e mariscos, verduras, froitas...), ata os profesionais da hostalería que lle tiran o seu maior proveito e preséntanos da mellor maneira”.

Na presentación tamén estiveron autoridades dos ámbitos local e rexional, así como representantes de asociacións de produtores da provincia.

A guía online, nesta ligazón: https://apehl.es/es/guia-turistica/