O sector hostaleiro en Galicia rexistrou o ano pasado máis de 21.000 establecementos, os cales empregaron a 66.825 persoas e cuxo 90,7 % corresponde ao subsector da restauración. Este conxunto empresarial pechou o ano na rexión cunha facturación de 4.768 millóns de euros, o que representa o 4,5 % da riqueza rexional.
Son algunhas das cifras que se recollen no Anuario de Hostelería de España 2019, presentado por Hostelería de España, entidade da que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) forma parte.
Na análise que ofrece este informe en relación á comunidade autónoma de Galicia, reflíctese que o número de establecementos hostaleiros evolucionou de forma diferente segundo a rama de actividade. Así, os establecementos de restauración reduciron o seu censo debido ao menor número de bares, cun incremento no resto (en total houbo 19.052 establecementos de restauración). Os establecementos de aloxamento, en cambio, seguiron incrementando de forma destacada (1.959 en 2018 fronte aos 1.776 de 2017). No balance dos últimos oito anos obsérvase un menor número de restaurantes e, especialmente, de bares.
Na análise por provincias, en todas elas recuperouse a evolución positiva dos establecementos de restauración respecto ao ano anterior, excepto na Coruña onde volveron recortarse, aínda que no balance dos últimos oito anos o saldo continúa sendo negativo nas catro provincias. No aloxamento, en cambio, houbo un forte incremento en todas elas.
Doutra banda, o informe revela que o emprego nos servizos de restauración aumentou, aínda que baixou á metade o ritmo de crecemento (un 5,1 % de aumento interanual fronte ao 10,9% do ano anterior).
Pola súa parte, os prezos hostaleiros aumentaron a súa taxa interanual unha décima en 2018 (2,0 %), cunha evolución diferente nas dúas ramas de actividade. Así, en restauración repetiuse a taxa do ano anterior (1,8 %) e no aloxamento incrementouse 1,4 puntos (sendo de 3,4 %).
Radiografía da hostalería en España
|
O conxunto da hostalería española volveu superar o ano pasado os 300.000 establecementos (314.311 rexistrados), os cales empregaron a 1,7 millóns de traballadores. Este sector pechou o ano cunha facturación de 123.612 millóns de euros, o que representa un 6,2 % do PIB nacional. Son algunhas das cifras que se recollen no Anuario de Hostelería de España 2019, presentado por Hostelaría de España con datos estatísticos do sector referentes a 2018, incluíndo as súas dúas ramas de actividade: restauración e aloxamento. Entre as conclusións deste informe destaca que a hostalería é unha das ramas produtivas da estrutura da economía española cun importante peso no PIB, o cal conseguiu conservar ao longo dos anos. Segundo as revisións da contabilidade nacional do INE, a achega da hostalería á economía española en 2018 sitúase no 6,2 %, do cal un 4,7 % procede dos servizos de restauración e un 1,5 % do aloxamento. A pesar do crecemento na facturación, isto supón unha baixada en peso porcentual con respecto ao 7,2 % que achegaba ao PIB en 2017, debido ao reaxuste das diferentes actividades e ao maior control da economía sumerxida. O sector hostaleiro experimentou un crecemento máis moderado que o do ano anterior, continuando coa tendencia de 2017, aínda que a evolución mantívose en positivo. Así, o conxunto da hostalería facturou 123.612 millóns de euros, un 3,1 % máis que o curso precedente. Pola súa banda, o emprego volveu a bater marca, alcanzando os 1,7 millóns de traballadores contratados en hostalería, isto é 71.000 máis que en 2017. O máximo de emprego alcanzouse nos meses de maior afluencia turística (xullo e agosto), superando por primeira vez a cifra de 1,8 millóns de traballadores. |