APEHL

A hostalería de Lugo maniféstase para visibilizar a súa grave situación e esixir axudas ás administracións

  • A concentración tivo lugar esta mañá en Lugo e recorreu varias rúas do centro da cidade

07.11.2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) convocou a toda a hostalería da provincia a participar nunha manifestación esta mañá na cidade de Lugo para dar visibilidade á situación de crise que está a atravesar o sector da hostalería e a súa cadea de valor como consecuencia das medidas preventivas tomadas polos diferentes gobernos para a contención da covid-19 e co obxectivo de reivindicar os seus dereitos e esixir axudas ás diferentes administracións para evitar o peche definitivo de moitos establecementos.

A concentración dos asistentes realizouse diante do edificio administrativo do  Concello de Lugo (zona peonil Rolda Muralla-parte traseira Colexio Maristas de Lugo), dirixiuse por Rolda da Muralla cara ao edificio multiusos da Xunta de Galicia, seguiu por Porta San Fernando ata a rúa San Marcos (Deputación de Lugo), logo a Santo Domingo, cara á Subdelegación do Goberno, e percorreu Conde Pallares ata a Praza Maior, onde finalizou diante do Concello.

PROPOSTAS PARA AS ADMINISTRACIÓNS

Ao longo do percorrido os hostaleiros entregaron un paquete de propostas, necesidades e peticións incluídas no Plan de rescate para a hostalería galega elaborado e consensuado por todas as Asociacións de hostaleiros de Galicia a José Tomé, presidente da Deputación de Lugo; Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, e Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. Real asegurou que “tan só nos faltou ser recibidos na Subdelegación do Goberno en Lugo. Cando contactamos con eles no día de onte xa nos adiantaron que non poderiamos ser recibidos porque os sábados tiñan cerrado”.

Ademais, durante a acción reivindicativa, distintos vehículos de repartición de distribuidores de hostalería circularon pola Rolda da Muralla para potenciar a protesta e visibilizar a todos os axentes da cadea de valor do sector.

Ao finalizar a protesta, Cheché Real, presidente da Apehl, alzou a voz para dicir “basta. Levamos meses afectados por peches e restricións, esforzándonos por aplicar as restritivas medidas sanitarias sen ningún tipo de apoio económico e con iso conseguimos, segundo os últimos informes do Ministerio de Sanidade, que en bares e restaurantes se produzan menos do 3,3 % dos contaxios acumulados en España desde maio deste ano”.

Recoñeceu que “estamos ante unha crise sanitaria onde a saúde e a vida teñen a máxima prioridade” e destacou que “somos os primeiros interesados en aplicar todas as medidas preventivas para evitar os contaxios pola covid-19, tanto dos nosos equipos como dos nosos clientes”; pero apuntou que “da hostalería viven moitas familias no país e esta crise xa provocou no noso sector o peche de máis de 65.000 negocios hostaleiros, a desaparición de máis de 350.000 empregos e o descenso na facturación de máis do 50 % respecto ao ano pasado, ao que hai que sumar as consecuencias nas máis de 30.000 empresas asociadas á hostalería cuxa facturación conxunta supón preto do 20 % do PIB nacional”.

Por todo, reclamou publicamente que “se necesitan medidas como a posibilidade de exoneración de cotas á seguridade social; axudas directas para autónomos e traballadores do réxime xeral asimilado; adiamento, supresión e modificación de taxas e impostos da facenda estatal; lexislación sobre alugueres, e ampliación indefinida dos ERTE para poder sobrevivir e continuar formando parte da vida económica e social do país”.

En apoio a esta manifestación, producíronse, á mesma hora, concentracións dos hostaleiros que non puideron achegarse á capital polas restricións perimetrais existentes diante dos concellos dos diferentes municipios da provincia.