28.09.2022. Hostelería de Galicia, integrada polas asociacións provinciais de hostalería da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, súmase ao manifesto elaborado por Hostelería de España ante a situación de extrema gravidade que atravesan a maioría dos establecementos hostaleiros, debido á alza de prezos que reflicten a electricidade e o gas. Mediante esta campaña explícase a situación e proponse unha serie de iniciativas para facer fronte ao problema e tentar así salvar miles de empresas e empregos.
Tras analizar os resultados dunha enquisa realizada ás asociacións territoriais sobre posibles accións a desenvolver debido á alza de prezos en enerxía, acordouse a posta en marcha dun calendario de accións inmediato, comezando a semana pasada cun envío de cartas a presidencia do Goberno e Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando reunión para abordar a situación e medidas propostas.
Tamén o pasado venres, enviouse carta aos principais Operadores Enerxéticos coas demandas e preocupacións ante a situación do incremento de prezos. Segundo os datos que manexa Hostelería de España, a enerxía representa entre o 6 e o 8% dos custos dun negocio hostaleiro, polo que unha subida dun terzo pode provocar un aumento de entre o 2 e 3% dos gastos fixos nas empresas do sector. O custo medio dun local de restauración pode situarse actualmente nunha media de entre 3.000 e 6.000 euros, que varía en función do tamaño, a localización e os servizos que se realicen. Deste xeito, a porcentaxe de subida do recibo da electricidade dependerá do tamaño e tipo de negocio hostaleiro, que podería situarse entre un 20%-40%.
Ata agora o sector hostaleiro realizou accións de mellora e eficiencia no consumo, pero denuncia a falta de axudas e apoios para a reconversión de instalacións e equipos. Tampouco se dispuxo de axudas para a implantación de fontes de enerxía renovables e sistemas de autoconsumo.
Por tanto, Hostelería de Galicia apoia as seguintes medidas propostas por Hostelería de España ante a gravidade da situación:
1. Unha reclasificación polos cambios na súa estrutura de custos e dispor dun estatuto similar ao de consumidor electro intensivo.
2. Aprobación e posta en marcha de bonos eléctricos: aplicando os remanentes das axudas COVID-19 ao sector, non aplicadas, e valoradas nestes momentos en 3.000 millóns de euros. É necesario que desde as diferentes administracións; nacional, autonómica e local en Deputacións e Concellos, deseñen medidas de apoio ao consumo, redución de custos e transición cara a fontes de enerxía renovables.
3. Eliminación de peaxes e procura de fórmulas de contratación adaptadas á realidade de sector. Débense revisar os sistemas de contratación en termos de potencia, descontinuidade ao longo de diferentes períodos no ano e eliminación de penalizacións.
4. Rebaixar os impostos eléctricos e os custos regulatorios, establecendo suspensións temporais, moratorias e adiamentos.
5. Outorgar avais públicos para poder acceder a compras de subministracións renovables a longo prazo por parte de grupos de usuarios.
6. Promover os sistemas de compra agrupada e poxas de contratación no sector.
Hai que engadir que os establecementos de hostalería teñen un perfil de consumos heteroxéneos que esixen a adopción de medidas diferenciais segundo as tipoloxías e franxas de consumo (fins de semana, lecer nocturno...). Existe un tipo de consumo moi usual en franxas en que o custo da enerxía é punta, por iso atópase claramente penalizado. Por iso é tan importante poder dispor de maiores fontes de enerxía renovable e autoconsumo, así como de fórmulas de contratación máis flexibles. A enerxía é, por tanto, o principal indicador da subida, que afecta o aumento doutros produtos, e repercute en toda a cadea de produción e distribución. A subida da electricidade é o punto de maior preocupación, ao tratarse dun gasto básico que non se pode eliminar, do que depende o funcionamento das cámaras frigoríficas, así, como a calefacción/aire acondicionado, a iluminación ou o uso das placas de indución.
O sector atópase moi sensibilizado polo problema, así o demostra de maneira reiterada a enquisa de confianza e previsión que realizou Hostelería de España entre empresarios do sector, na que, a pesar dos bos datos xerais que pode arroxar a tempada de verán en materia de ingresos, as marxes de beneficios e a rendibilidade dos negocios quedan lastrados polo elevado custo, entre outras cousas, do prezo da enerxía que experimentou unha subida do 37,4% en agosto e en concreto a electricidade superou o 60% respecto ao ano anterior.
Ademais, a maior parte dos negocios hostaleiros (75%) notaron que o aumento xeneralizado de custos propiciou unha tendencia ao aforro por parte do cliente. Este manifestouse principalmente na redución do ticket medio, chegando ao 54,5% os que opinan neste sentido en agosto.
Debido a todo isto, as previsións para o último trimestre do ano son de caída media de vendas. En concreto, un 71,3% dos enquisados pensa que a facturación vai ser inferior que a de 2019, un 21,7% cre que as vendas se van a manter e só un 7% pensa que vai superar as cifras precrisis. Dos que pensan que a facturación vai ser inferior, máis dun 80% cre que a caída vai ser superior ao 10%.
Hai que ter en conta que o sector da hostalería é un dos motores económicos do país, composto por máis de 320 mil establecementos que dan emprego directo a 1,7 millóns de traballadores e que supón unha achega á economía nacional do 6,4% do PIB (4,9% a restauración e 1,5% o aloxamento). Estes datos correspondentes a 2019, antes da irrupción da crise da COVID-19, mostran a relevancia económica da hostalaría e especialmente da restauración, ao que se engade a importancia social que ten este sector.