18.04.2022. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante esta Semana Santa, na que se rexistrou unha media de 92,4 %, cifra similar ás anteriores á pandemia. No ano 2019 a media chegara ao 93,3 %.
Nesta ocasión, a Apehl confirma o camiño cara a recuperación en todas as zonas da provincia.
A Ribeira Sacra foi a comarca con máis visitantes, cunha media do 97,6 %. A zona centro logrou nestes días unha media do 92,5 %; a cidade de Lugo rondou de promedio o 91,6 %, e A Mariña chegou de media ao 87,7 %. Os días claves continuaron sendo xoves e venres, nos que algúns establecementos chegaron ao 100 %, especialmente na Ribeira Sacra, ao celebrarse en Monforte a Feira Medieval.
A maioría dos visitantes que estes días fixeron parada na provincia procedían de diferentes partes do propio territorio nacional, principalmente de Galicia, Asturias e Castela e León.
En canto aos datos referentes á restauración, desde Apehl aseguran que os establecementos incrementaron as reservas, pero o gasto xeral dos clientes foi menor que en anos anteriores.