11.12.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante esta ponte festiva, na que se alcanzou unha media dun 74,4 %.
Os datos deixan ver como os días nos que máis ocupación houbo foron os referentes ao final da semana, sobre todo o venres e o sábado, nos que algúns hoteis da cidade de Lugo e da comarca da Ribeira Sacra alcanzaron o 80 % de ocupación.
A Ribeira Sacra foi a área da provincia con máis visitantes, cunha media do 76 % de ocupación. A zona centro de Lugo logrou o 74 % de media, A Mariña estivo polo 72 % e a cidade de Lugo chegou ao 75,5 %.
Segundo a Apehl, o perfil dos visitantes destacou por ser familiar e maioritariamente nacional. “A provincia de Lugo é un destino consolidado, non é un lugar de paso, xa que se prolongan as estancias”, destaca o presidente da Asociación, Cheché Real.
En canto a reservas de última hora, non foron destacadas debido ao mal tempo, “isto incluso motivou algunha cancelación”, finalizou Real.
CIFRAS DE GALICIA
Hostalería de Galicia informa dos datos de ocupación real destes días de ponte na comunidade galega, segundo as cifras facilitadas polas catro asociacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. A media entre todas as provincias alcanzou un 71,25 %.
Na Coruña a media rexistrada durante dos días festivos rondou o 80 % e na provincia de Lugo a media estivo cerca do 75 %.
Por outra banda, a ocupación media nas provincias de Ourense e Pontevedra alcanzou o 65 %.
Cabe destacar o dato da cidade de Vigo que logrou chegar ao 90 % de ocupación media.