16.08.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante o que levamos de mes de agosto, no que se alcanzou unha media dun 87,3 % de ocupación.
A Ribeira Sacra foi a zona da provincia con máis visitantes, os establecementos tiveron de media un 92 % de ocupación. Lugo Centro logrou un 80 % e A Mariña estivo ao 90 %.
Con respecto ás cifras rexistradas durante esta ponte festiva do 15 de agosto, os datos seguen a mesma liña do resto do mes, alcanzando unha media entre toda a provincia dun 88,6 % de ocupación.
Por último, os hostaleiros consultados sobre este balance do mes de agosto coinciden ao afirmar en que as cifras poden moverse con facilidade dun día a outro e avanzan unha previsión positiva de cara ao resto do mes, no que prevén un mantemento da afluencia, cunha media de ocupación do 84,6 %. Se ben é certo que a Ribeira Sacra conta alcanzar unha mesma cifra de ocupación, tanto Lugo Centro como A Mariña pode ser que desconten 3 ou 4 puntos.