APEHL

A patronal hoteleira anuncia posibles accións legais ante a entrada en vigor do novo Rexistro de Viaxeiros

27.11.2024. A Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT), na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), emprenderá accións legais contra o Real Decreto 933/2021 sobre o Rexistro de Viaxeiros, cuxa entrada en vigor está prevista para o próximo 2 de decembro, polo impacto negativo que esta normativa supón para o sector hoteleiro e os propios viaxeiros.

A patronal hoteleira denuncia que o Executivo ignorou todas as peticións de diálogo e aclaración, tanto da propia patronal como de asociacións turísticas internacionais. A pesar das reiteradas advertencias sobre as graves repercusións que terá este regulamento, a patronal critica que o Goberno non ofrecera solucións nin emitira a Orde Ministerial prometida para aclarar a súa implementación.

A confederación reitera que o novo regulamento non só afecta negativamente aos turistas internacionais, senón tamén aos cidadáns españois que fan uso de hoteis e aloxamentos nos seus desprazamentos dentro do país, xa que terán que enfrontarse a trámites administrativos complexos e tediosos. Ademais, os hoteleiros veranse obrigados a cumprir cunha normativa confusa, desproporcionada e que vulnera varias directivas europeas relacionadas coa protección de datos e os sistemas de pago. O incumprimento desta normativa europea pode acarrear importantes multas ás empresas, moito máis elevadas que as propias sancións por non cumprir o Real Decreto do Ministerio do Interior, expondo as empresas a sancións de até 30.000 euros se non logran adaptarse a tempo.

A CEHAT denuncia que esta falta de clareza xera unha inseguridade xurídica inaceptable para un sector que representa o 12 % do PIB español e é clave para a economía do país.

O presidente da CEHAT, Jorge Marichal, lamenta a actitude do Executivo: “Levamos meses solicitando diálogo e propostas concretas para garantir a seguridade xurídica e a viabilidade do sector, pero non recibimos ningunha resposta. Ante esta falta de vontade política, vémonos na obriga de propoñer vías legais para protexer tanto aos empresarios como aos viaxeiros”.

A CEHAT está a traballar con expertos legais para avaliar as opcións xudiciais dispoñibles, co obxectivo de impugnar a normativa polo seu impacto desproporcionado e a súa incompatibilidade coas directivas europeas. A patronal considera que estas accións son necesarias para defender os dereitos dos viaxeiros e garantir un entorno regulatorio equilibrado e xusto para os establecementos turísticos.

“España non pode permitirse que unha normativa tan lesiva entre en vigor sen que se resolvan os seus múltiples defectos. Non deixaremos de loitar para garantir que o noso sector e os nosos viaxeiros reciban o respeto e a protección que merecen”, conclúe Marichal.

Non obstante, a patronal reitera o seu compromiso de colaborar coas autoridades españolas e europeas na busca de solucións que garanticen a seguridade sen comprometer a operatividade do sector, antes da entrada en vigor desta normativa.