APEHL

Policía Nacional e Local de Lugo reúnese coa hostalería, o comercio e a veciñanza para abordar a importancia do cumprimento das normas anti-covid-19

28.09.2020. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), xunto con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e da Federación Comercio de Lugo, mantivo esta mañá unha reunión co comisario xefe da Policía Nacional de Lugo, José María Esteban, e co inspector xefe da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro, para abordar a importancia do cumprimento das normas hixiénico-sanitarias establecidas como medida principal de contención da covid-19, como o uso de máscaras, os aforamentos e horarios limitados.

Tras a reunión, subliñaron que “actuar baixo as normas en todos os ámbitos desta nova normalidade é primordial para salvagardar os nosos negocios e evitar futuros confinamentos por barrios, áreas ou concellos que poidan seguir agravando a situación económica que xa estamos a vivir”.

Neste senso, as tres entidades solicitaranlle unha reunión á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que estean presentes todas as forzas de seguridade, incluíndo a Garda Civil,  para abordar este mesmo tema en clave provincial.