27.09.2023. Con motivo do Día Mundial do Turismo, que se celebra hoxe 27 de setembro, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) destaca a gran presenza que está a ter o norte de España, incluída a provincia de Lugo, como lugar preferido para moitos turistas, e fai balance do labor que se está levando a cabo desde a plataforma La Fuerza del Norte, formada polas asociacións de hostalaría e turismo de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.
A denominada España Verde está a vivir nos últimos anos, especialmente despois da pandemia, unha revalorización e un crecemento que se demostra no incremento do número de viaxeiros e de pernoctacións nos establecementos hostaleiros. As rexións do norte foron escalando posicións nas preferencias dos viaxeiros, sobre todo no caso dos propios españois, que relacionan estes destinos con temperaturas agradables, boa gastronomía e pura natureza.
Neste contexto, toma relevancia o acordo das organizacións empresariais turísticas e hostaleiras das comunidades do norte para unirnos na plataforma La Fuerza del Norte e promover accións conxuntas ademais de buscar a atención das administracións.
Existen dous factores que potenciaron as comunidades do norte: a pandemia, ao reforzar a imaxe dos nosos territorios como espazos sans, e o cambio climático, pois as agradables temperaturas da cornixa cantábrica contrastan cos seus efectos negativos, como as constantes ondas de calor que xa sufrimos en varios veráns.
Outro dos atractivos destes destinos pasa polo seu patrimonio histórico e cultural. Un exemplo claro diso é o Camiño de Santiago, que nos últimos tempos alcanzou cifras de usuarios moi altas. Neste apartado tamén debemos mencionar a moderna rede de centros culturais contemporáneos existentes e outros tesouros como o caso da cidade de Lugo, a súa catedral e a súa muralla; a Ribeira Sacra e os encantos da Mariña Lucense.
Con respecto á gastronomía, o norte é referencia en todos os aspectos, desde recoñecidos cociñeiros e restaurantes estrelas Michelín ou soles Repsol, até a gastronomía popular, con produtos locais que lle outorga un valor agregado.
Así pois, temos a oportunidade de aproveitar esta situación de vantaxe para consolidar ao sector empresarial do turismo como un dos maiores xeradores tanto de emprego como de actividade económica.
Para iso, é vital que os poderes públicos mostren a atención necesaria e destinen os medios oportunos para o seu crecemento sustentable, como o foi até agora, xa que a actividade turística das comunidades que formamos parte de La Fuerza del Norte leva desenvolvéndose baixo parámetros de sustentabilidade desde antes de que este concepto tomase protagonismo.
Estamos preparados para construír unha fronte común que aproveite ao máximo as oportunidades e camiñar na mesma dirección. Pedimos, ademais, a intervención de Turespaña para que se involucre e que se desenvolvan os proxectos que desde La Fuerza del Norte estamos a impulsar. Xuntos poderemos contribuír ao progreso de todo o sector.