APEHL

A Ribeira Sacra será candidata a Patrimonio Mundial da Unesco en 2021, unha boa nova para o sector turístico e hostaleiro

30.03.2020. A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45.ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. Así lle foi notificado pola UNESCO á Xunta de Galicia.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) congratúlase desta boa nova e afirma que “isto abre importantes perspectivas de crecemento, desenvolvemento sostible para este territorio e de esperanza para o sector do turismo e a hostalería, que se verán beneficiados positivamente desta declaración”.

Cheché Real, presidente da Apehl, subliña que “esta boa nova chega xusto nun momento complicado para o sector e será un aliciente máis polo que a xente se poida animar a visitar a nosa provincia no futuro, cando xa teñamos máis que superado o estado tan difícil polo que estamos a atravesar”.

Por último, Real traslada os seus parabéns a todos os axentes implicados nesta noticia, a todos aqueles que traballaron e que seguen esforzándose por que isto suceda: “desde a Xunta de Galicia, as deputacións de Ourense e Lugo, os concellos da contorna e as diferentes entidades locais, como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ata os traballadores e persoas individuais que dalgunha maneira ou doutra axudaron, co seu traballo, a crear as condicións axeitadas para o desenvolvemento deste expediente”.