24.11.2023. Os catro profesionais encargados de valorar as 12 tapas finalistas do XVIII Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio do Concello de Lugo, comezou a súa rolda de valoracións.
O xurado deste ano está dirixido por Quique Rodríguez, chef, comunicador, asesor gastronómico, produtor, director de contidos para medios dixitais e colaborador en programas de radio e televisión, ademais de xurado en multitude de certames de cociña, membro de Acyre Madrid, colaborador de …E para comer, Lugo e sous chef do Hotel Rosewood Villa Magna 5 Estrelas Gran Luxo, de Madrid.
O director está acompañado por Ricardo Fernández Guerra, docente especializado en cociña e pastelería no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, de Pontevedra, con amplia experiencia profesional en distintos establecementos de Galicia e Euskadi, como Lasarte (Martín Berasategui) cunha estrela Michelín naquel momento e estadías formativas con Didier Oudill no Café de París, en Biarritz, e restaurantes e institutos de formación profesional de Francia, Italia e Euskadi; Asier Oyarzabal Oteiza, formado na prestixiosa Escola Donostiarra de Cociña de Luis Irizar, exerceu a súa actividade profesional nunha gran variedade de restaurantes e hoteis, tamén foi formador en centros como Basque Cullinary Center, de San Sebastián, e é fundador de Brai-Kantauri, e Mercedes González Rodríguez, membro do panel de cata do CRDO Ribeira Sacra e de varios paneis de cata rexionais, nacionais e internacionais, sumiller, xerente da Asesoría Gastronómica Membajadora, presidenta de Vitislucus- Expertos en Análise Sensorial e Enoturismo, embaixadora española de Champagne, membro da FIJEV (Federación Internacional de Periodistas e Escritores do Viño) e colaboradora en Onda Cero Lugo.
Este equipo de expertos gastronómicos probará as tapas dos locais finalistas –Casa d’Auga, El Dotmas Bar, El Boni, Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, Mesón El Castillo, O Cincuenta e Seis, O Figón, Orixe do Campo, Paprica, Prebe By Bret, Pulpería O Castelo e Santeiro`s Terraza– durante toda a fin de semana e asignará os cinco premios que lle corresponde outorgar: un primeiro, un segundo e un terceiro posto e dous galardóns máis á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con viño DO Ribeira Sacra.
Os gañadores do certame, tanto o elixido polo público como os outorgados polo xurado, daranse a coñecer o vindeiro mércores 29 de novembro ás 11:00 h nun acto que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).