17.06.2024. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na cidade de Lugo durante esta fin de semana de Arde Lucus, Festa de Interese Turístico Internacional, así como valoración de participación.
A ocupación media nos establecementos da cidade superou as cifras do ano pasado e alcanzou o 87 %. Durante o xoves rexistrouse unha media de ocupación dun 80 %, o venres chegouse ao 84 % e o sábado, ao 96 %.
O presidente da Apehl, Cheché Real, recoñeceu "a consolidación desta festa como referencia no inicio da época estival” e salientou “o incremento de ocupación, cuxas prazas estiveron máis repartidas grazas tamén ao aumento da propia oferta hostaleira da nosa cidade”.
Ademais, Real agradeceu a implicación e o labor dos organizadores e das asociacións culturais e de recreación histórica “que fan posible o desenvolvemento desta festa”, así como tamén á cidadanía “por caracterizarse e participar activamente neste evento, que cada ano se supera”.