APEHL

Os sabores do outono e a música chegan a Monforte

A Xornada Gastronómica terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 deste mes. Deliciosos produtos propios desta época do ano poderanse degustar durante os catro días nos establecementos participantes. Varios grupos musicais actuarán nos locais o venres 11.

07.11.2022. A Delegación Zona Sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) pon en marcha este xoves a campaña gastronómica Saborea e Canta o Outono, que terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 (xoves, venres, sábado e domingo) de novembro. Un total de 13 establecementos de hostalaría ofrecerán O Castañazo (dúas racións con ingredientes otoñais e unha botella de viño RS, cun importe de 26 €) e O Tartazo (zume, café con leite e un doce otoñal, cun prezo de 5.50 €).

Para complementar a actividade, o venres 11 teremos a partir das 19:30 h música en directo nos locais que participan na campaña. Tres grupos de música tradicional e popular serán os encargados de dita actividade: Asociación Cultural Amigos Da Pandeireta, Xograres de Lemos e a solista Nuncy Valcárcel acompañada polo guitarrista Marcelo Pedrero.

Os establecementos adheridos á campaña terán exposto un cartel identificador onde aparecen os locais participantes da mesma.

Esta campaña realízase grazas ao patrocinio do Concello de Monforte, e desde a Delegación Zona Sur da Apehl animamos a toda a cidadanía a gozar do outono nos locais hostaleiros da nosa cidade.