21.04.2025. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) anunciou os datos rexistrados da ocupación hoteleira na provincia durante a Semana Santa, cos que se alcanzou unha media do 81,25 % .
A cidade de Lugo foi a zona con maior número de visitantes, cunha media do 90 %. Destacaron tamén as comarcas da Ribeira Sacra e da Mariña, nas que a ocupación media chegou ao 80 %. A zona centro da Terra Chá alcanzou o 75 %.
Os días máis destacables foron xoves, venres e sábado, nos que algúns establecementos colgaron o cartel de completo, especialmente en Monforte de Lemos, ao celebrarse a Feira Medieval.
A maior parte dos visitantes que aproveitaron para visitar a provincia procedían de diversos recunchos do territorio nacional, principalmente para estancias de ocio e relax. Tamén cabe destacar as visitas recibidas dos peregrinos que se decantaron por estas festas para facer o Camiño de Santiago.
Con respecto ás cancelacións, a Apehl informa de que a maior parte delas se produciron na Mariña, por mor das previsións meteorolóxicas.