07.11.2025. Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, acompañados de Daniel Romay e Juan Agra, membros da xunta directiva da Apehl,foron os encargados de inaugurar esta mañá no Paprica a vixésima edición do Concurso de Tapas de Lugo.
O certame, que está organizado pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo, ademais da colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Estrella Galicia, Cafés Candelas, Transportes Valín e Hijos, Jazz Lugo e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá Lugo, desenvolverase ao longo de máis de dúas semanas, ata o vindeiro 23 de novembro. Posteriormente, na última fin de semana do mes, 28, 29 e 30 de novembro, terá lugar a final.
Álvaro Villasante, cociñeiro do Paprica, deu a coñecer a tapa que presenta este ano, de nome Salchipapri, composta por unha salchicha de bonito, patacas e cabazas bravas.
FUNCIONAMENTO DO CONCURSO
As tapas estarán dispoñibles para o público, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.
Os consumidores votarán, sempre que sexan maiores de 18 anos, as tapas do concurso mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.
A maiores, todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Se o folleto-pasaporte está marcado como mínimo por 12 establecementos participantes optarase a unha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Bodega Torre Milanos, de Aranda de Duero, e se o folleto-pasaporte está firmado como mínimo por 25 establecementos participantes optarase a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Londres.
GALARDÓNS ÁS MELLORES TAPAS
O gañador do concurso e as 12 tapas finalistas serán seleccionadas polo público, a través dos cupóns de votación que os clientes poderán depositar ata o 23 de novembro nas urnas dispoñibles en todos os locais.
A maiores, durante os días da final, 28, 29 e 30 de novembro, un xurado profesional encargarase de escoller cinco títulos máis entre as tapas finalistas: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra. Esa fin de semana, os locais finalistas volverán ofrecer as súas creacións culinarias aos consumidores.
SORTEO EN INSTAGRAM
A Apehl, como na pasada edición, celebrará tamén un sorteo na súa conta de Instagram dunha noite para dúas persoas en Albarari Burbujas Astronómicas (Oleiros, A Coruña). Os requisitos para participar son: seguir a conta de Instagram @eparacomerlugo; subir a stories unha foto dalgunha das tapas participantes, etiquetando a @eparacomerlugo e usando o hashtag #concursotapaslugo; e comentar a publicación do sorteo mencionando a un amigo co que se queira compartir a estancia.
Poderase participar nas datas que dura o certame, do 7 ao 23 de novembro. O gañador será anunciado o 24 de novembro.
LISTADO DE PARTICIPANTES
Os 41 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes:
Última hora: Na cartelería tamén está incluida Taberna Pimentel, pero finalmente non participará no certame por reformas.
Toda a información está dispoñible na web www.xantardetapas.com.