APEHL

Lugo prepárase para o XXI Concurso de Tapas con 37 propostas culinarias

• O certame celebrarase do 6 ao 22 de novembro e a gran final terá lugar os días 27, 28 e 29 do mesmo mes.

• Os consumidores poderán optar a unha escapada gastro-relax en Ribera del Duero e a unha viaxe dunha semana a Roma, entre outros premios.

02.11.2026. O Concello de Lugo acolleu hoxe a presentación da vixésimo primeira edición do Concurso de Tapas de Lugo, unha das grandes citas gastronómicas do outono na cidade e que este ano reunirá 37 establecementos hostaleiros. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; os edís de Turismo e Museos, e Industria e Mercados, Agustín Gallego e Silvia Colmenero;  e o vicepresidente e o presidente da Apehl, José Manuel Cela e Cheché Real.

O certame, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), conta co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Estrella Galicia, Cabreiroá e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O XXI Concurso de Tapas de Lugo desenvolverase entre os días 6 e 22 de novembro e, unha semana máis tarde, os días 27, 28 e 29, terá lugar a gran final do certame.

Desenvolvemento do certame

Durante o concurso, as tapas estarán dispoñibles para o público todos os días, como mínimo, de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas.

Os consumidores poderán valorar as propostas mediante un cupón de votación individual, que deberá estar cuberto cos seus datos e selado polo establecemento correspondente. A puntuación irá do 1 ao 5, sendo 1 a nota mínima e 5 a máxima. Todos os cupóns válidos entrarán, ademais, no sorteo de distintos premios.

Como en anteriores edicións, os establecementos disporán tamén de folletos-pasaporte que os clientes poderán ir selando a medida que percorran os locais participantes.

Quen consiga polo menos 12 selos entrará no sorteo dunha escapada gastro-relax para dúas persoas no Spa Arzuaga, en Ribera del Duero. Cun mínimo de 25 establecementos selados, poderá optar a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Roma.

Premios ás mellores tapas

O público volverá ter un papel protagonista como xurado popular e será o encargado de elixir a tapa gañadora do concurso.

Pola súa banda, un xurado técnico outorgará o primeiro, segundo e terceiro premio, ademais dos recoñecementos á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con Ribeira Sacra.

A gran final celebrarase os días 27, 28 e 29 de novembro.

Sorteo en Instagram

A Apehl poñerá novamente en marcha un sorteo a través da súa conta de Instagram @eparacomerlugo. Nesta ocasión, o premio será unha noite para dúas persoas no Hotel O Semáforo, en Fisterra (A Coruña).

Poderase participar entre o 6 e o 22 de novembro e o gañador anunciarase o luns 23. Para entrar no sorteo será necesario seguir a conta @eparacomerlugo, subir a stories unha fotografía dalgunha das tapas participantes etiquetando a conta e utilizando o hashtag #concursotapaslugo, e comentar a publicación do sorteo mencionando unha persoa coa que se queira compartir a estancia.

37 establecementos participantes

Un total de 37 establecementos forman parte desta XXI edición do Concurso de Tapas de Lugo:

  1. 3 Pés
  2. Anda
  3. Ave César
  4. Bulló Xantar
  5. Calibre 2.7
  6. Coco’s Bar
  7. Desnivel Tapas e Copas
  8. Eduri
  9. El Dotmas Bar
  10. Facela Bar
  11. Galo
  12. Glam Taoo Hotel Apartamento Boutique
  13. Gran Café - Eurostars Gran Hotel Lugo
  14. Hotel Mercure Lugo
  15. Irmandiños
  16. Karrusel
  17. La Competencia
  18. La Cosechera de 1977
  19. La Pepita Lugo
  20. La Perdiz
  21. La Terraza del Méndez
  22. Las Cinco Vigas
  23. Malizzia Street Food
  24. Mesón El Castillo
  25. O Castor
  26. O Cincuenta e Seis
  27. O Figón
  28. O Mercado
  29. Orixe do Campo
  30. Paprica
  31. Prebe by Bret
  32. Pulpería O Castelo
  33. Taberna Terra
  34. Tapería O Peque
  35. The Real Coffee
  36. Toni Portela
  37. Tosar by Boni

Propostas sen glute e información sobre alérxenos

Como novidade nesta edición, o concurso reforza a información destinada ás persoas con celiaquía e outras intolerancias alimentarias.

Entre o total das propostas participantes, 11 tapas son sen glute: as de 3 Pés, Eduri, El Dotmas Bar, Karrusel, Las Cinco Vigas, O Cincuenta e Seis, O Mercado, Paprica, Prebe by Bret, Toni Portela e Tosar by Boni. Ademais, La Pepita Lugo ofrece unha opción sen glute e La Terraza del Méndez indica que a súa proposta é apta para celíacos sen o pan.

O folleto do certame inclúe tamén información detallada sobre os alérxenos presentes en cada elaboración, co obxectivo de facilitar unha elección máis segura e informada aos consumidores.

Toda a información sobre os establecementos, as tapas participantes e o desenvolvemento do certame poderá consultarse en www.xantardetapas.com.