APEHL

Marida Maio pecha a súa segunda edición con cheo absoluto

30.05.2025. As xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra, coñecidas como Marida Maio, celebraron este xoves a súa última sesión. A iniciativa, impulsada pola delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), reuniu a máis de 40 asistentes, despois de ampliar novamente o aforo inicial do Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos.

Durante o encontro, os asistentes puideron gozar dunha coidada selección de propostas gastronómicas e enolóxicas ofrecidas por empresas da comarca. Nesta ocasión participaron a Parrillada O Casar, o restaurante Berso, as adegas Proencia e Val do Frade, e a firma de lecer Novas Rutas RS. A música en directo do solista Richard amenizou a cita.

Deste xeito remata a segunda edición desta cita, que ao longo do mes de maio puxo en valor a gastronomía, o turismo e o lecer da Ribeira Sacra. Ademais da participación do público local, as sesións contaron coa asistencia de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia.

O Concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboraron nesta iniciativa, patrocinada pola Deputación de Lugo.