APEHL

Éxito de participación no comezo da segunda edición do Marida Maio

16.05.2025. As xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra, baixo o nome de Marida Maio, comezaron este xoves cunha grande acollida por parte do público. A iniciativa, impulsada pola delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), cubriu por completo o aforo dispoñible do Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte.

A primeira sesión, que serviu tamén como presentación oficial do evento, contou coa asistencia de Pablo Rivera Capón, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo; Gloria Prada, tenente de alcalde do Concello de Monforte; Mabel Álvarez, xerente do Centro do Viño; e Beatriz Vila, delegada da Apehl en Monforte.

Durante esta xornada inaugural participaron as adegas Regina Viarium e EDV Viticultores, o restaurante Manuel Bistró, a marca de alimentación Caurelor e a empresa de lecer Boral Aventuras, que deron a coñecer os seus produtos e servizos. O acto estivo amenizado polo solista Richard, que puxo o toque musical ao encontro.

As próximas citas do Marida Maio celebraranse os días 22 e 29 de maio. Para a último data, o aforo xa está completo, mentres que aínda quedan algunhas prazas dispoñibles para o próximo xoves. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto no teléfono 982 412 050.

O Concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran nesta iniciativa, patrocinada pola Deputación de Lugo.