APEHL

Monforte acollerá a presentación do XIV Estase Cocendo este vindeiro xoves

22.02.2022. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) presentará este xoves a décimo cuarta edición do Estase Cocendo. O acto terá lugar no salón do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos ás 18:00 h.

As Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra celebraranse por toda a comarca dende o vindeiro 26 de febreiro ata o 27 de marzo, ambos incluídos.

O presidente da Apehl, Cheché Real, subliña que “son moitos os establecementos hostaleiros de toda a Ribeira Sacra os que ofrecerán tapas, menús e suxerencias especiais referentes ao cocido e todos eles estarán identificados co cartel do certame”. No seu interior todos aqueles interesados disporán de dípticos informativos coa relación de toda a información do evento.

Durante o mes dedicado ao cocido tamén están previstas diversas actividades para que a xente se anime a saír e volverase a sortear o porco de máis de 100 kg entre todos os que consuman ou participen das diferentes ofertas do Estase Cocendo.

“Ademais tamén se poderá gozar de diferentes ofertas especiais en hoteis, pensións ou casas de turismo rural da zona para, ademais de degustar o cocido, poder visitar a paisaxe e os diferentes recunchos da comarca”, engade Real.

HOMENAXE ESPECIAL

No acto de presentación é xa unha tradición contar cun compadre ou cunha comadre protagonista do acto, “nesta ocasión faremos unha homenaxe especial a todos os sanitarios e sanitarias pola seu labor durante esta pandemia”, finaliza.