14.11.2025. A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) organiza novamente a xornada culinaria e festiva Saborea e Canta o Outono. A celebración terá lugar o próximo venres 21 de novembro na Praza de Abastos do Concello de Monforte de Lemos.
Os asistentes poderán gozar das mellores tapas, dende as 20:30 horas ata as 24:00 horas, acompañadas de batucada e música en directo. Participarán no encontro varias adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como a Asociación Lactouros, que realizará unha exposición das diferentes variedades de cogomelos da zona. Tamén haberá un espazo dedicado aos máis pequenos.
A cita está patrocinada polo Concello de Monforte de Lemos e dende a delegación da zona sur da Apehl convidan a todos os monfortinos e visitantes a gozar do encontro.