15.11.2024. A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) organiza novamente a xornada culinaria e festiva Saborea e Canta o Outono. A celebración terá lugar o próximo venres 22 de novembro na Praza de Abastos do Concello de Monforte de Lemos.
Os asistentes poderán gozar das mellores tapas, dende as 19:30 horas ata as 23:00 horas, acompañadas de batucada e música en directo. Varias adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participarán nun encontro que tamén terá un espazo dedicado aos máis pequenos, pois habilitarase unha zona infantil que contará con varias actividades como pinta caras e outros traballos manuais.
A cita está patrocinada polo Concello de Monforte de Lemos e dende a delegación da zona sur da Apehl convidan a todos os monfortinos e visitantes a gozar do encontro.