19.11.2024. A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) organiza novamente a xornada culinaria e festiva Saborea e Canta o Outono. A celebración terá lugar este venres 22 de novembro na Praza de Abastos do Concello de Monforte de Lemos.
Os asistentes poderán gozar das mellores tapas, dende as 19:30 horas ata as 23:00 horas, servidas polos locais Jardín 34, O Toxo, Tributo By Méndez e La table D’Arnaud. Ademais, tres adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participarán neste encontro: Proencia (da subzona de Amandi), Val do Frade (da subzona de Quiroga, Bibei) e Santa María de Nogueira (da zubzona de Chantada).
A sesión contará coa Batucada Tukupá da Asociación Battuere e a música de Lorena do Val e Mino. Habilitarase unha zona infantil, que ofrecerá varias actividades como pintura de caras e outros traballos manuais, a cargo da monitora María Jesús Cao.
A cita está patrocinada polo Concello de Monforte de Lemos e, dende a delegación da zona sur da Apehl, convidan a todos os monfortinos e visitantes a gozar do encontro.