APEHL

Novo socio | O Recuncho de Novo (Pol)

ENTREVISTA | María Paz Fernández Freire, xerente

Canto tempo leva funcionando?

Trátase dun local que abriu as súas portas en agosto de 2025. Presentámonos como un establecemento que encarna a esencia da hospitalidade e da cociña tradicional na parroquia de Valonga, no concello de Pol.

Tratamos de construír a nosa reputación apoiándonos en tres piares fundamentais: un trato próximo e humano, comida caseira de calidade e un ambiente acolledor. Queremos que os nosos clientes non nos visiten unicamente para comer ou beber, senón que vivan unha experiencia na que se sintan atendidos con familiaridade, confianza e calor humana.

Por que apostou por este proxecto hostaleiro?

Apostamos por este proxecto hostaleiro porque o local era de propiedade familiar e, tras varios anos alugado a terceiros, decatámonos de que a situación non era sostible. Ademais da dificultade para atopar persoas realmente comprometidas coa xestión do negocio, atopabámonos cun local que, co paso do tempo, ía quedando cada vez máis deteriorado. Chegou un punto no que entendemos que ninguén o ía coidar nin sentir como seu do mesmo xeito que nós. Por iso decidimos dar o paso e poñernos á fronte, con ilusión, implicación e o compromiso de devolverlle vida ao espazo e construír un proxecto no que cremos de verdade.

Ademais, apostamos firmemente polo rural, que nos últimos anos está quedando cada vez máis abandonado, e consideramos que iniciativas como esta tamén son unha maneira de contribuír a mantelo vivo

Cales son as súas especialidades?

As nosas especialidades están fondamente vencelladas á cociña tradicional e ao produto de sempre. Durante todos os fins de semana ofrecemos pratos como callos, cachopín e troitas da Ribeira de Piquín, moi apreciados tanto pola xente da zona como polos visitantes.

Un dos nosos sinais de identidade son as tortillas, que preparamos tanto nas versións clásicas —con e sen cebola— como noutras variedades máis especiais, entre as que destacan as de chourizo, lacón con grelos, calamares na súa tinta, polbo ou bacallau.

Na súa época elaboramos tamén pratos tradicionais como o cocido galego, as filloas e as tripas, apostando sempre por receitas que forman parte da nosa gastronomía e da memoria colectiva.

Ademais, contamos tamén con pratos moi demandados como a fabada asturiana e o churrasco, ampliando a nosa oferta con elaboracións contundentes e de gran aceptación entre os nosos clientes.

Por que decidiu unirse a Apehl?

Unímonos a Apehl porque cremos firmemente na unión do sector, e máis aínda no ámbito rural, que nos últimos anos sofre abandono e falta de apoio. Pensamos que pertencer a unha asociación como APEHL permítenos estar mellor informados, defensos e acompañados, á vez que contribúe a darlle visibilidade e forza á hostalería rural e aos pequenos establecementos como o noso.

Ademais, pensamos que compartir experiencias con outros profesionais axuda a mellorar, a medrar e a fortalecer a hostalería da nosa contorna.