APEHL

ONCE-Lugo presenta o cupón co que apoia a hostalería na nova normalidade

09.07.2020. A ONCE-Lugo presentou esta mañá nas inmediacións da Mosquera, en Lugo, da man da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), o cupón co que quere apoiar ao sector hostaleiro, un dos máis afectados polo parón económico provocado polo coronavirus.

Dedicará o sorteo da fin de semana correspondente ao sábado 11 de xullo ao sector hostaleiro nun xesto de apoio a todo o gremio de bares, cafeterías e restaurantes, tan afectados pola pandemia da covid-19.

No acto estiveron presentes Eva Lorente Arnás, directora da ONCE en Lugo, e  Cheché Real Castro, presidente da Apehl, acompañados de José Manuel Cela, vicepresidente da Apehl; Ramón Portela, xestor comercial da ONCE-Lugo, e Manuela Baameiro e Marcos Valcárcel, dous vendedores.

A iniciativa, a nivel nacional, consta de cinco millóns e medio de cupóns, que levan como motivo un debuxo que reproduce unha escena cun camareiro en primeiro plano e ao fondo unha parella sentada nunha mesa, todos eles con máscara, e o lema xenérico “Volvemos a disfrutar xuntos”, sendo a “o” un corazón.

O presidente de Apehl, Cheché Real, agradeceu á ONCE que visualice o seu apoio ao colectivo pois “estamos a vivir un momento complicado, no que nos toca disfrutar ao máximo, pero tamén con máxima responsabilidade e precaución”.