APEHL

OPINIÓN | Santa Marta, patroa da industria da felicidade

Explicar por que Lugo é un destino tan especial para os visitantes é tan sinxelo como recoñecer a riqueza natural, cultural e gastronómica que nos rodea. A nosa provincia destaca pola súa diversidade paisaxística, coa maxestosa Ribeira Sacra, a inmensa Terra Cha, a tranquilidade de Ancares-Courel ou a impresionante costa da Mariña, e a histórica cidade de Lugo, coa súa emblemática muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade. Estas paisaxes únicas complétanse cunha oferta gastronómica recoñecida, amparada baixo a nosa marca …E para comer, Lugo, que pon en valor os produtos autóctonos e a tradición culinaria que nos diferencia.

A hostalería en Lugo é moito máis ca unha actividade económica: é parte da nosa identidade, da nosa cultura e do noso día a día. Os bares, restaurantes, cafeterías e locais de lecer non son só espazos para comer e beber, senón escenarios onde se constrúen relacións, se comparten vivencias e se fortalece o tecido social. Nesta provincia, a hostalería é un motor que vertebra vilas e cidades, que dá vida ás nosas rúas e que é fonte de orgullo para quen formamos parte dela.

Así como España é coñecida por ser “un país de bares e felicidade”, Lugo o é pola excelencia e calidez do seu servizo, polo seu compromiso coa calidade e pola paixón que os seus empresarios e traballadores dedican a cada cliente. A tradición de hospitalidade que defendemos ten en Santa Marta, patroa da hostalería, un símbolo de atención, servizo e dedicación. Cada 29 de xullo celebramos o seu día recoñecendo o esforzo constante de quen fan posible que a hostalería sexa unha “industria da felicidade” para lugueses e visitantes.

A hostalería é un piar fundamental para a economía provincial. Máis aló do emprego que xera e do valor engadido que achega, contribúe a manter vivas as nosas tradicións gastronómicas, apoiando a produtores locais e promovendo a nosa cociña única, que combina os mellores produtos da terra e do mar con receitas ancestrais e propostas innovadoras. Lugo é un destino gastronómico que atrae turistas de toda España e do estranxeiro, que buscan experiencias auténticas e de calidade. De feito, a marca …E para comer, Lugo converteuse nun referente para recoñecer e valorar esta riqueza.

Pero a importancia da hostalería en Lugo vai moito máis aló. É un espazo social fundamental. A pandemia, as crises climáticas e outros momentos difíciles evidenciaron o papel esencial que xogan os nosos establecementos: abertos sempre con vocación de servizo, refuxio e comunidade.

Por todo iso, neste Día de Santa Marta queremos destacar o compromiso e a dedicación de todos os hostaleiros e de todos os traballadores do sector na nosa provincia. Grazas ao seu traballo, Lugo non é só un lugar para gozar das súas paisaxes e patrimonio, senón tamén para saborear e compartir a esencia da nosa terra. A hostalería en Lugo é moito máis ca comida e bebida, é tradición, identidade e felicidade.

Cheché Real

Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo