APEHL

Presentadas as xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra co nome de Marida Maio

16.05.2024. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu esta tarde o acto inaugural do Marida Maio, evento organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e patrocinado pola Deputación de Lugo. Hoxe tivo lugar a primeira das tres xornadas; as seguintes desenvolveranse o xoves 23 e o xoves 30.

O acto contou coa presenza de Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl); Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pilar García, deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, así como outras personalidades do Concello de Monforte e a delegada da Apehl en Monforte de Lemos, Beatriz Vila.

Estas xornadas consisten en presentacións dos viños das bodegas participantes xunto cos pinchos dos establecementos hostaleiros; tamén se unen empresas turísticas para dar a coñecer os seus servizos. O encontro de hoxe, con cheo total de asistentes, comezou ás 19:30 horas e participaron as bodegas Val do Frade e Cruceiro, o restaurante monfortino Manuel Bistró e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Sober.

Os interesados en asistir a algunha das outras dúas sesións poden apuntarse de forma totalmente gratuíta nos teléfonos 982 412 050 ou 982 404 715. Na do 23 de maio estarán presentes as bodegas Abadía da Cova e Vía Romana e os restaurantes Akelarre e Berso, mentres que á do xoves 30 de maio asistirán a bodega Regina Viarum, os restaurantes Playa de A Cova e Galicia e Enoturismo Galicia.