APEHL

Presentado en Fitur o II Congreso …E para comer, Lugo no Camiño

  • A Feira Internacional de Turismo, que se está celebrando esta semana en Madrid, foi o escenario da presentación da segunda edición do congreso sobre a cultura gastronómica dos Camiños a Santiago.

20.05.2021. O acto tivo lugar esta mañá no stand de Galicia en Fitur, feira que se está celebrando en Madrid esta semana de maneira especial polas circunstancias provocadas pola pandemia, e foi dirixido polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, que se encargou de presentar a segunda edición do Congreso Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, unha xornada sobre a cultura gastronómica dos Camiños a Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo que terá lugar o vindeiro 29 de maio e que forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Real iniciou a súa intervención lembrando as vítimas da covid-19 e, en especial, a José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia en Madrid, tamén falecido por esta terrible enfermidade. “Foi unha persoa clave para que Galicia tivese a nivel nacional o recoñecemento do que hoxe goza e gran embaixador da nosa provincia, así lle entregamos en 2016 a nosa Medalla de Ouro. Sempre nos mantivo as portas abertas, o seu cariño e apoio”, lembrou Cheché Real.

Seguidamente deu paso a un vídeo no que se presentaron as actividades recollidas no programa deste evento e salientou as intervencións de “Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, quen disertará unha charla sobre a cultura do viño nos Camiños que atravesan a provincia; José Manuel Portela, de Candelas, que realizará a demostración titulada `Café cremoso en armonía cos Camiños a Santiago´, e Javier Estévez, chef Estrella Michelín en 2019, 2020 e 2021 pola súa labor en La Tasquería de Javi Estévez, que demostrará como con produtos de proximidade se poden elaborar degustacións maravillosas”.

Ademais, Cheché Real aproveitou a ocasión para lembrar o importante que son estas iniciativas para a promoción da provincia no seu conxunto como destino turístico e gastronómico e subraiou “a necesidade de reivindicar unha hostalería segura que leva máis dun ano adaptándose a esta situación e ás diferentes normativas de loita contra a covid-19”. “É momento –engadiu– de mirar cara ao futuro e de pensar en non volver a pechar as portas nunca máis”.

O acto foi clausurado polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Estiveron presentes tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro;  o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a delegada da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente da CEHAT, Jorge Marichal; o presidente e o secretario da CEHE, José Luis Yzuel e Emilio Gallego, e alcaldes e alcaldesas de diferentes municipios da provincia.