A nova celebración do certame gastronómico, no que participan un total de 43 establecementos, comezou oficialmente no restaurante El Boni, local gañador da pasada edición.
Toda a información do certame está dispoñible na web xantardetapas.com
08.11.2023. José Manuel Cela, vicepresidente da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, foron os encargados de inaugurar esta mañá en El Boni á décimo novena edición do Concurso de Tapas de Lugo. Desenvolverase ao longo de máis de dúas semanas, ata o 24 de novembro. Posteriormente, na última fin de semana do mes, terá lugar a final (29 e 30 de novembro).
O certame está organizado pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo, ademais da colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.
José Luis Pardo, cociñeiro de El Boni, deu a coñecer a tapa que presentan este ano, Cristitaco, conformada por un taco de pan naam rosa con polbo braseado, maionesa de polbo e queixo do Cebreiro. A maiores, a través da súa filla, deseñaron un mantel personalizado en referencia a esta creación gastronómica. Dende o local indican que a tapa “contén un ingrediente extra que será desvelado ao final do concurso”.
FUNCIONAMENTO DO CONCURSO
Os prezos das tapas moveranse entre 3 e 4 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.
Os consumidores votarán, sempre que sexan maiores de 18 anos, as tapas do concurso mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.
A maiores, todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Se o folleto-pasaporte está marcado como mínimo por 12 establecementos participantes optarase a unha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Abadía de los Templarios, de Salamanca, e se o folleto-pasaporte está firmado como mínimo por 25 establecementos participantes optarase a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a París.
GALARDÓNS ÁS MELLORES TAPAS
O gañador do concurso e as 12 tapas finalistas serán seleccionadas polo público, a través dos cupóns de votación que os clientes poderán depositar ata o 24 de novembro nas urnas dispoñibles en todos os locais.
A maiores, durante os días da final, 29 e 30 de novembro, un xurado profesional encargarase de escoller cinco títulos máis entre as tapas finalistas: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra. Esa fin de semana, os locais presentes na final volverán ofrecer as súas creacións culinarias aos consumidores.
SORTEO EN INSTAGRAM
Como novidade para esta edición, a Apehl lanza hoxe mesmo un sorteo na súa conta de Instagram de tres ceas sorpresa para dúas persoas cada unha. Os requisitos para participar son: seguir a @eparacomerlugo; subir a stories unha foto dalgunha das tapas participantes, etiquetando a @eparacomerlugo e usando o hashtag #concursotapaslugo; e comentar a publicación do sorteo mencionando a un amigo co que se queira compartir a cea.
Poderase participar nas datas que dura o certame, do 8 ao 24 de novembro. Os gañadores serán anunciados o 25 de novembro e a asignación das ceas realizarase ante notario o 2 de decembro.
LISTADO DE PARTICIPANTES
Os 43 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes:
Toda a información do certame está dispoñible na web www.xantardetapas.com