30.01.2025. O departamento de Cultura e Turismo de Lugo levou a cabo este mediodía unha recepción oficial ao lucense José Luis Pardo, que vén de conseguir esta semana o segundo premio no III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, en representación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl). O cociñeiro do restaurante Orixe do Campo estivo acompañado pola súa axudanta Auriana Macías.
No recoñecemento participaron Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Cheché Real, José Manuel Cela e Jacobo García, presidente, vicepresidente e secretario da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), respectivamente. Os presentes coincidiron en destacar “o bo posto acadado” e “o gran valor que supón para a promoción turística e gastronómica de Lugo”.
Pardo e Macías triunfaron coa proposta Petisco Larpeiro, un tartar de vieira con crema de aguacate, espuma de xamón de Porco Celta e tomate semiseco sobre New York roll. Da man da Apehl, a súa candidatura contou co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougán, Transportes Valín e Montepicato.
O certame foi organizado por terceiro ano consecutivo por Hostelería de España no marco do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión.