24.03.2022. A Ribeira Sacra finaliza esta fin de semana a celebración do Estase Cocendo 2022, o mes dedicado a un dos pratos estrela da comarca, o cocido de Entroido.
O programa do evento, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio da Deputación de Lugo, conta para este sábado coa última das visitas guiadas por Monforte e co Cocido das Meigas.
A visita sairá dos Escolapios ás 11:00 horas e incluirá unha degustación de viño DO Ribeira Sacra servida por persoal da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, Escola de Hostalería de Rosende (Sober).
Cara á noite, a praza de España será o lugar de encontro das meigas, que se reunirán ás 20:00 h a ritmo de Batucada, do Centro de Ensinanzas Artísticas Creativa. Partirán cara ao parque dos Condes, onde Manuela Fuentes lerá un manifesto e se elixirá a Meiga Maior do Codido, da man dun xurado formado por Pilar Rodríguez, artesá e propietaria da tenda En Lá; María Luisa Sobrino, delegada da Asociación Española contra o Cancro en Monforte, e a xornalista Lorena Gallardo.
Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa a través do teléfono 982 412 050.